El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

{ palabras e parole }

ISABEL GONZÁLEZ

Léxico especializado

02.04.2017 
A- A+

A CRECENTE incorporación da aprendizaxe de idiomas desde un punto de vista especializado (orientado especificamente ás tecnoloxías da información e da comunicación), fan necesaria a elaboración de ferramentas axeitadas para este fin como son vocabularios e dicionarios especializados. Pensemos, por exemplo, no campo da gastronomía, da hostalería en xeral, ou das belas artes –campos dos que nos temos ocupado especificamente–, todos eles con tecnicismos propios. Este tipo de estudos referentes á terminoloxía especializada, ademais de favorecer a normalización do galego, colman unha lagoa importante e axudan a proxectar a imaxe de Galicia no exterior. Cinguímonos, coma sempre, á terminoloxía que combine o galego co italiano, que poida axudar a tantos turistas que visitan Galicia, que como todos sabemos, é un sector que amosa un incremento progresivo e sostido.
No terreo das Belas Artes, un campo moi particular para nós, porque se hai un país que destaque pola súa arte é Italia: Falar de arte é pensar en Italia, onde se atopan algunhas das obras máis importantes do mundo –a metade delas están en Florencia– o que indica que para un estudante ou estudoso da arquitectura, escultura e pintura, é moi importante coñecer as palabras equivalentes entre unha e a outra lingua: o “canzorro” é o “modiglione”, a moldura” a “modanatura” o “parteluz” o “montante” pero, como xa dixemos, nas palabras culturais, noutros moitos casos hai que buscar a definición máis exacta porque, por exemplo, o “acibeche” non é o “giaietto” que define máis ben a un tipo de ámbar negro, nin sequera é o “giavazzo”. Habería que dar unha definición máis axustada: “varietà del lignite duro di colore nero simile al giavazzo”. Aparte diso, son moitos os italianismos que entraron directamente ás linguas románicas como “putto/ puttino”, empregado ao mesmo nivel que “amoriño”.
No campo da gastronomía, palabras tan comúns na nosa lingua como a “empanada” o “botelo”, a “zorza”, os “cimos”, o “biscoito” e tantas outras, teñen que entrar necesariamente no dicionario italiano (bilingüe), definíndoas, como xa dixemos, dunha maneira clara e, a poder ser, moi concisa. Se ao consultar un dicionario atopámonos con que o “biscoito” é o “pandispagna” que o “sobao” é un “pasticcino al burro” (nin sequera mencionando a súa orixe cántabra), ou que “babá” é un “doce típico de Nápoles”, avanzamos moi pouco e non acadariamos o obxectivo principal: satisfacer as necesidades dos usuarios.
En definitiva, se imos a Italia gústanos saber que comemos se pedimos de primeiro unha “caponata” (guiso clásico da cociña siciliana elaborado con berenxenas, alcaparras, tomates, olivas, etc., cociñados en aceite de oliva), de segundo uns “fettuccini” (tiras de pasta cocidas como os spaghetti) e de sobremesa unha “panna cotta” (doce elaborado con crema de leite e azucre), o mesmo que se invitamos a un italiano a nosa casa e dicímoslle previamente o menú: “botelo” coa alternativa de “androlla”, e de sobremesa “filloas”, quedará satisfeito se consulta o noso dicionario sabendo que vai comer como prato único dada a súa consistencia un “insaccato affumicato fatto con la carne e ossa del maiale” e para rematar unha “specie di crêpe a base di farina e uova” típica da nosa terra no Antroido”.
Que aproveite! ou Buon appetito!
Catedrática de Filoloxía italiana na USC