El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

TÍA MANUELA

LUÍS CELEIRO

Arrimar o ombro

06.12.2017 
A- A+

CHEGOU un destes días de tanto frío ao lugar onde nacera, onde xa naceran o seu pai e seu avó, os tíos e tías que tiña, as irmás e máis da metade da familia longa que o enchía de agarimo e gabanzas. Alí, no centro da praza, no cruce dos camiños, ao pé do cruceiro, abrigado do norte polo alpendre e a corte das ovellas dun veciño, contoulles aos poucos e atentos rapaces da aldea canto chovía cando el era novo, antes de marchar, como emigrante que foi, buscar a vida e atoparse de repente coa xubilación e a senectude, esa terceira idade dos vellos que andan na proximidade do instante que conecta definitivamente co nunca máis.
Os rapaces estaban moi contentos ouvindo falar a aquel home, dono dunha enorme experiencia de traballo fóra. Afable, cordial, analítico e, en moitos casos ou sempre, co corazón na man e con razóns suficientes para encher de contido fiable e amigable a conversación coa mocidade veciña. Mostraba a súa desconformidade co acontecer de cada día e a súa preocupación e inquietude polo rumbo, polos vaivéns da política, da gobernanza e, tamén ou fundamentalmente, da xustiza.
Vós, os mozos e mozas de hoxe, seredes quen de enderezar a guía para que o mundo rectifique os erros destes anos malévolos. Efectivamente! Tedes a obriga, dicía o paisano recentemente chegado á aldea asfaltada, alumeada de noite e de día, sen xente e sen sosego, sen pitas polos camiños, sen a besta branca aparellada, sen leiras traballadas, sen seitura, sen mallas e sen matanzas, sen as vacas xunguidas e sen nada do que el contaba. Tedes a obriga –dixo– de procurar a solidariedade entre homes, mulleres e pobos.
Acabouse a tarde e quedaron para o día seguinte, á mesma hora, para falar devagar do cambio climático, do que non debía producirse con tanta présa. Do cambio que molesta a propios e a estraños, e que alerta á sociedade para loitar con forza contra do mesmo, que, segundo di a Tía Manuela en concordancia co home retornado, é loitar pola supervivencia e a habitabilidade do planeta, pola vida dos seres animais e dos vexetais, pola luz e pola escuridade. A esta loita polo respecto e para que se tomen medidas, antes de que os efectos negativos sexan irreversibles, cómpre arrimar o ombro.
Xornalista