El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

{ tía manuela }

LUIS CELEIRO

Mestre de mestres

21.06.2017 
A- A+

ESTUDOU Filoloxía en Santiago de Compostela e, dende aquela “época inesquecible de estudante”, ao longo de máis de corenta anos, dedicouse a aprender, a formarse e a transmitir coñecemento, para “devolverlle á sociedade algo do que me dera”. Anxo Tarrío Varela foi nomeado en moitas ocasións “mestre de mestres”, sempre por unanimidade e coa confianza absoluta de quen o coñece. Tan meritorio nomeamento foi ratificado, recentemente, nunha homenaxe promovida polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, no que desenvolveu labores importantes como científico, ao longo de moitos anos.
Aprobou as oposicións para mestre nacional e despois opositou para a Universidade. Primeiro estivo en Lugo, despois en Vigo e logo en Santiago, como catedrático estimado, valorado e admirado polos estudantes, investigadores e compañeiros. Como di a Tía Manuela, lembrando a Mario Benedetti, o profesor Tarrío tamén é de boa madeira. É un sabio cargado de humanidade e bonhomía, un dos “bos e xenerosos” de Eduardo Pondal e da Galicia mundial.
O reitor Viaño Rey, os secretarios xerais de Política Lingüística e Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente; o Coordinador Científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González, e o secretario deste mesmo Centro, Armando Requeixo; escritores, narradores, poetas, filólogos, críticos literarios, editores, escultores, pintores e xornalistas, xunto coa decana da facultade de Filoloxía e os directores dos departamentos que teñen docencia no centro, e outros ilustres e ilustrísimos integrantes do cadro de persoal docente das universidades galegas, compartiron loas ao profesor, as que principiaron os seus compañeiros de carreira e traballo, Darío Villanueva e Víctor Fernández Freixanes.
Rendéronlle homenaxe todos. Non cabía unha agulla, aquel salón de San Roque estaba ateigado con Autoridades, académicos, universitarios de arriba e de abaixo, compañeiros desprazados dende lugares dos catro puntos cardinais, homes e mulleres que cren e fían no traballo de Anxo Tarrío Varela, no feito e no que fará na nova etapa, nesta que comeza como xubilado e na que os discípulos van esixirlle continuidade na súa acción, como sementador de coñecemento mesto, de acougo, harmonía e sosego.
Xornalista