El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

tía manuela

LUÍS CELEIRO

Será posible!

07.03.2018 
A- A+

CON tanta loucura e tanta tolemia, a xente perderá a noción de que o xénero é como ese trazo gramatical que marca a oposición entre masculino e feminino, sabendo -como todos e todas deben saber e saben- que cómpre dar por feito e defender con tódolos medios posibles a igualdade entre homes e mulleres. Digo de tódolos medios e creo que é un dicir correcto, aínda que exista quen pense que debería dicir: medios e medias.

Nalgúns centros educativos de Galicia, o estudantado ten que cursar, ou pode cursar, unha materia de libre configuración relacionada con este tema, Igualdade de Xénero, para fortalecer a formación e a orientación cara conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria, respectando, obviamente en igualdade de condicións, o xénero ao que pertence cada quen.

As Universidades, as grandes casas do saber, crearon oficinas para procurar a igualdade de homes e mulleres, fixeron plans e puxeron en marcha programas diversos. A de Santiago de Compostela foi pioneira neste ámbito e segue na loita diaria para conseguir a igualdade real, para vixiar os desvíos e para que, en tódalas accións universitarias, ninguén sexa máis nin menos, para que non haxa marxinación ou minoración por razóns de xénero.

Moitos queren que o conserxe sexa tratado igual que a conserxa; o porteiro igual que a porteira, a sindicalista, igual que o sindicalisto. A funcionaria e o funcionario teñen, ou deben ter, o mesmos dereitos e as mesmas obrigas, pero non sei como será na promoción. Probablemente algún deles chegue a alto/a cargo/a e outros queden en xefe de negociado ou de servizo e elas, en xefas de negociada ou de serviza? Que San Cono reparta sorte!

A igualdade non debe influír na proliferación do disparate, a pesar de que a portavoza o pregoe en foros importantes e resoantes. Por máis que se utilicen expresións e palabras chocantes, a razón non debe saír do seu camiño, que moitas veces non é o mesmo nin parecido ao da publicidade, como a desa casa de coches que vende o Kona, un modelo "baseado no espírito de que os mellores momentos da vida son aqueles nos que damos forma ao mundo que nos rodea". Xa o dicía a Tía Manuela, aínda que se retorzan as palabras, as expresións e as frases, o importante non é banal, é o triunfo das ideas. Será posible!

Xornalista