El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

AFONSO EIRÉ

En Marea, a moviola de AGE

14.07.2018 
A- A+

DESDE aquela reunión en Allariz, antes das eleccións autonómicas do ano 2005, cando Anxo Quintana se nega aceptar o acordo, cociñado en Madrid coa esquerda estatal, que lle presenta Xosé M. Beiras, unha parte do nacionalismo galego semella que se dedica a xogar a política, na vez de facer política para "ver se a piscina ten auga", en palabras do propio Beiras explicando a creación de AGE.

Despois da ruptura Beiras-Quintana, xa co nacionalismo gobernando na Xunta, viría "Galicia non se vende", a oposición do SLG á política de Suárez Canal, as diatribas de parte da CIG coas consellarías gobernadas polo BNG e, finalmente, a ruptura de Amio. Ruptura na que foi factor coribante a perda do goberno por parte do BNG e as ansias tolas por recuperalo dun parte da militancia, procurando novos vieiros.

Agora atopámonos nunha nova fase dese xogo político que, como no da oca, volven ao comezo e tiran por ques lles toca.

E quen primeiro decidiu tirar outra vez foi Xosé Manuel Beiras para comer a Villares. E logo veu o alcalde de Compostela, Martiño Noriega. Tamén o alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, decidiu sumarse a xogada.

E xa temos, outra volta, o que X. M. González denominou como Dobre trío.

A nai do año formulouna esta esta semana Compostela Aberta: reclamar unha negociación en plano de igualdade entre os tres partidos que conformaron AGE,

Anova, Esquerda Unida e Podemos, os tres alcalde das cidades e, un organismo ao que denominan como En Marea. Pero non estaban todos en En Marea?

Esta iniciativa converte en papel mollado a constitución de En Marea, aínda como partido instrumental, na súa asemblea fundacional. Onde está a filiación persoal?

Volven a AGE, pero, agora, coa participación dos tres alcaldes e as súas respectivas equipas, que queren facer valer os seus intereses.

Esa coalición electoral é, precisamente, o que veñen defendendo Podemos e Esquerda Unida desde hai tempo: que están en En Marea, pero non están; non participan, pero deciden e controlan o grupo parlamentario do Hórreo e o grupo Parlamentario no Congreso, no que os mareantes son un mero apéndice de Podemos, por máis que, algúns/as, se esnafren a traballar.

Están na diatriba de sempre entre os que, con Villares a ca- beza, tentan constituír unha organización de carácter nacional galego e os que só queren unha coalición electoral, no que o nacionalismo sexa un compañeiro útil.

Unha cousa está clara na partida: van gañando as forzas estatais, o nacionalismo volveu a 1975, dividido e cunha parte que segue ao chou.

Non culpen a Villares, que o único que fai e crer no aprobado en xullo do 2016 e darse conta que desde que chegou o VAR xa non ten xeito a moviola.

Xornalista