El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

notas de actualidade

HELENA VILLAR JANEIRO

María Mariño Carou

14.07.2006 
A- A+

¡Manaian os membros da Real Academia Galega que, no plenario de 7 de xullo, decidiron dedicarlle á poeta Mariña Mariño Carou o Día das Letras Galegas de 2007!

O ano que ven cúmprese o centenario do nacemento, en Noia, desta muller que se dedicou ás letras dun xeito tan reservado como notable e nun tempo en que as mulleres adoitaban vivir afastadas da creación literaria e doutras actividades de dimensión pública. Xa se sabe que onde houbo escasas escritoras non podemos buscar equilibrio na presenza de mulleres e homes no fasto cultural que celebra cada 17 de maio para divulgar a obra de persoas salientables pola escrita que nos teñen deixado anos atrás. Por iso, só Rosalía de Castro e Francisca Herrera Garrido foron merecentes de tal distinción. E como quedaba, cando menos, outra poeta de valía entre os posibles candidatos a esta honra, é de aplaudir que a Real Academia se decidise por ela e que axude a difundir como merece a súa poesía e a valorar a súa memoria literaria.

María Mariño Carou, que, como tantas outras e outros tivo que traballar de noviña para axudarlle á familia, naceu pobre pero tivo a sorte de atoparse cos libros na biblioteca do Pazo de Goián de Boiro, onde acompañaba a unha tía de seu que cociñaba para el. Máis tarde casa co mestre Roberto Posse Carballido e ambos inician unha andaina xeográfica que vai máis aló de Pedrafita do Cebreiro e acabará co regreso á terra en 1947, data na que se instalan no Caurel. É alí onde vai vivir o resto da súa vida e onde chega a desenvolver un particular lirismo moi valorado polas escasas persoas que tiñan acceso ao seu coñecemento.

Para quen naceu nunha terra xemelga á Serra do Caurel é doado comprender que alí María Mariño, con bastantes lecturas, inquietudes literarias e sensibilidade ferida pola dor, aprofundase na soedade cósmica do seu pozo interior, no manantío de entraña escura do que nace a mellor poesía. A forza telúrica daqueles cumes actuando riba do pouso que deixara a mestra Rosalía e o estímulo de amigos como Uxío Novoneyra, fan de María Mariño unha poeta singularísima.

Escasamente lida, o público vai ter boa ocasión o ano que ven de se encontrar con Palabra no tempo (1963), que publicou en vida, e co xa póstumo Verba que comeza (1990), editado grazas ao empeño de Antón Avilés de Taramancos e Uxío Novoneyra.