El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

o monte en galicia

MARISA CASTRO

Bosques e incendios

13.12.2017 
A- A+

UN bosque é unha formación natural con porte arbóreo e arbustos e herbas no sotobosque. Está en equilibrio co ambiente e coa climatoloxía do lugar e ten unha elevada biodiversidade: microbiana, animal, vexetal e fúnxica. Evolucionan de forma natural, aínda que poden, e deben en moitos casos, ser xestionados polos propietarios, extraendo a madeira podre, o mato excesivo, os grandes montóns de folla, etc. para evitar os lumes.

Os bosques son as formacións arbóreas que antigamente daban leña para a cociña, estrume para as cortes do gando, herba para o pastoreo, folla para abonar as hortas e un sen fin de cousas máis. A finalidade do seu mantemento non é unicamente para producir madeira e obter del diñeiro.

As plantacións forestais son outra cousa. Introducidas polo home para obter un rendemento a corto prazo, case nunca son tratadas como plantacións. A ninguén se lle ocorrería plantar unha horta e deixala así sen abonala, regala, limpala, recoller o froito... Pois nas reforestacións si se fai. É necesario mentalizarse e comezar a coidalas, a practicar silvicultura. Non se poden deixar ao libre albedrío.

É necesario que a comunidade galega modifique a idea de que o monte só da diñeiro cada 20 ou 30 anos, por iso non merece a pena coidalo, nin ordenalo. Sen embargo, os montes non teñen porque producir diñeiro só dentro de moitos anos, é posible proxectar un aproveitamento doutra maneira e a Administración debería incentivar aos propietarios para que o fixeran así.

A produción e aproveitamento de plantas aromáticas (no sur de Galicia hainas de excelente calidade), de cogomelos, de materia vexetal para producir compós e fertilizar as terras e para obter biomasa utilizable en recuperadores de calor e chemineas durante o inverno, son algúns exemplos.

Todo isto sen falar das especies usadas nas reforestacións de grandes extensións. Deberíase incentivar máis a plantación de árbores de folla caduca, mellor con especies autóctonas ou que leven varias centenas de anos cultivándose aquí, como os carballos común e negral, os castiñeiros, as nogueiras, etc. E, no peor dos casos, se buscan rendemento rápido, usar carballos americanos, árbores caducifolias que aínda que causan os seus propios problemas, son moito menores que os provocados polos pirófilos piñeiros de Monterrey ou os eucaliptos.

Tamén é importante establecer marcos de plantación ampla, que permitan a limpeza do sotobosque con maquinaria, e diversificar as plantacións, intercalando zonas de árbores caducifolias, ou sen plantar, con outras de produción rápida de madeira. Facer cortafogos e, sobre todo, camiños forestais pensando que por alí deben pasar comodamente máquinas e coches para apagar o lume se, por desgracia, aparece. Son medidas que poden axudar a conservar un monte sostible.

Bióloga e profesora da Uvigo