Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Andei por Argeles sur Mer buscando sombras. Andar debían andar por alí, pero non as dei atopado máis que no meu corazón ensombrecido. Miles e miles de sombras amoreadas nun campo de concentración ó que foron chegando os perdedores. Deus nos libre sempre dos que vencen e das súas verdades. As sombras que eu buscaba resumíronse nunha, na de Antonio Machado, no camposanto de Colliure. Ata alí chegamos.
Argeles sur Mer, dise na lingua de por alí, na lingua propia da Cataluña francesa, na do Rosellón, en terra de Oc, dise Argelers de la Marenda. De pouco lles valeu ós que chegaban. A irmande non a determina tan só a fala, senón máis ben a pertenza. Un pouco máis alá, en Beziers, no corazón da terra dos cátaros, no seu día, o arcebispo decideu a masacre de vinte mil seres humáns baseándose na convicción de Deus habería distinguir "ós seus"; así que millor non andarse con chiquitas e matar a eito ós vinte mil de marras, sen lle preguntar tan sequer cál fe profesaban, se facían seu ou non o Vello Testamento, ou se inxerían ou non carne de polo chegada a ocasión propicia.
Distingueu Deus ós seus entre os miles de exiliados españoles que deica alí chegaron dende primeiros do ano 39 do pasado século, logo da desfeita da Guerra do 36? Non o creo. Deus anda sempre moi ocupado en lle dar corda ós reloxios de sol pra que o mundo teña sempre constancia exacta da súa hora. Distingueu a quen esa hora exacta o pillou lixeiro de equipaxe coma ós fillos do mar, cáseque espido e só, como adoitan andar os que máis aman? Nin se sabe. No cimeterio de Colliure descansan os seus restos. Tamén os da súa nai, morta tres días despois do pasamento do seu fillo.
Na campa de Machado disque sempre hai flores. Non me extraña. Collen todas as que un queira, tantas como almas couparon o campo de concentración de Argeles sur Mar. Iso cando menos.
Nunca fora eu a Colliure. Agora si. Tráiome dalí unha serenidade diríase que metafísica, un silencio antigo coma o mundo, a sensación total de que hai cousas que están por riba das falas e outras ataduras. En Colliure, en decembro, todo é un maino balbordo do mar, un arrecendo de buxos e figueiras, unha soedade no peirao que recorda o silencio dos cadros de Chirico: esa xeometría do espírito na que colle todo canto os nosos sentidos apreixoan e nos libera de ataduras inúteles e imprecisas pra nos xunguir nunha irmande superior, diriase que inextinguible e cósmica, tan humana.
ac@alfredoconde.com

¿Deixádeme ser libre? Sí, pero...
Mensaje a los cabestros: "Así, no"
Pintada ‘sobre mojado’ en Compostela
Ensucian la imagen de un lugar turístico