Domingo 07.02.2010
Hemeroteca web
|
RSS
Seguro de que o que ía sobrar era xente que o fixera, unha vez chegado este tempo de fastos e pompas fúnebres, de exequias intelectuais e honras serodias ás que tan dados somos nestes nosos e peculiares eidiños patrios, prometinme a min mesmo non falar nada de Ramón Piñeiro. Total, pra qué, se o que abondan son exexetas, panexiristas conversos e vellos deostadores reconvertidos dispostos a facelo por min e por tantos outros que calamos?
Cando constato a presencia deles nas intervencións orais ou escritas non podo evitar a evocación da imaxe de Piñeiro respondendo a unha pregunta que sen dúbida eu lle faría de estar vivo: qué lle parece, don Ramón? Entón aparéceseme o seu sorriso tímido, revolotexan as súas mans unha traxectoria que as conduce directamente embaixo do taboleiro da mesa camilla, como se pretendesen aniñar nela e escóitolle dicir "xa ves", mentres abaixa a ollada e os ollos se lle agrandan tras dos grosos cristais das lentes.
Neses momentos quero crer que Don Ramón ou, o que ven sendo o mesmo, o sistema de ideas que substentou a súa vida, vai gañando. ¿E vai? O editorial de Victor F. Freixanes en Grial parangoando a súa figura coa de Castelao, algo no que coincido pleamente, máis aínda se contemplo os diferentes contextos nos que cada un deles desenvolveu o seu labor de galeguización de Galicia, digámoslle así pra nos millor entender, ese mesmo editorial, faime concluir que non, que en absoluto.
A crispación lingüística introducida por unha prensa que non hai máis remedio que calificar de foránea, de allea a nós e a nosa realidade, vistos a procedencia, o obxectivo e o logro do seu labor insidioso, xunta coa inestimable axuda practicada dende dentro por non fará falla dicir quén, pero si que por radicais lingüísticos dispostos a turrar nun e noutro sentido ata provocar un desprazamento en diagonal descendente. Iso, unido ó deterioro cultural, mesmo o estancamento por non dicir o retroceso habido nestes anos, durante os que se fracturou unha sociedade que non o estaba, fan pensar que as teses piñeiristas van en sentido ben contrario ó das celebracións vixentes. Piñeiro pretendeu sempre que lingua e cultura fosen un lugar de encontro, non de enfrontamento e disputa; un espazo no que nos recoñecer e identificar, non no que nos segregar menosprezándonos. Pero iso é o que estamos tendo. E non se albiscan intencións claras e certas de querer superar este estado de cousas. Vai ter que ser a oposicion, se é que queda claro que non ha ser o goberno quen o faga, quen se resposabilice delo. A máis da intelectualidade nin sabe, nin contesta. Castelao e Piñeiro, de momento, non teñen sucesores. Aplaudidores, si.

¿Deixádeme ser libre? Sí, pero...
Mensaje a los cabestros: "Así, no"
Pintada ‘sobre mojado’ en Compostela
Ensucian la imagen de un lugar turístico