El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

Bágoas de crocodilo

JUAN L. BLANCO VALDÉS (*)

A nube e a terceira lei de Clarke

14.07.2018 
A- A+

A terceira das leis de Clarke... Que non sabe vostede quen é Clarke? Home, así non hai que escriba unha columna... Para que está san Google? Ande, ande, vaia vostede á fiestra que todo o sabe e pregunte por Arthur Clarke. Xa? Ben, pois a terceira lei de Clarke, enunciada vai para cincuenta anos, mire que era listiño o tipo, di que toda tecnoloxía suficientemente avanzada é indistinguible da maxia. Quero eu crer que Mr. Clarke, cando a emitiu, pensaba que tan admirable sentenza podía aplicarse a calquera grao de civilización. Cando un tal Gensfleisch maguntino perfeccionou mediando o século XV un aparello que permitía replicar nunha tarde cen exemplares dun libro que ata aquel momen-to levaba meses compoñer a man, a curia católica, que axiña albiscou o perigosísimo potencial do chintófano, non tardou en facer boa a lei de Clarke, imputando o invento á maxia, si, pero neste caso negra e demoníaca. Imprentar e poder difundir, en efecto, centos de libros no prazo de días era, para a época, algo só atribuíble a un poder que excedía o humano, algo do que, por certo, don Martín Lutero alemán estaba moi satisfeito, pois só Deus (ou o demo) sabe canto axudou a espallar a causa da Reforma o diabólico cacharro de facer libros do seu paisano.

Mesmo para un colono dixital como quen isto escribe (paréntese: un colono dixital é un inmigrante con certo éxito á hora de colonizar terreos dixitais, especialmente profesionais), a tecnoloxía contemporánea da comunicación é algo máxico, supoño que relativamente explicable en termos de bits e tags pero arcana e enigmática cando se trata de comprender a súa case divina sabedoría.

É o caso que hai xa algún tempo, véndome obrigado a liberar espazo do meu móbil, decidín eliminar unha aplicación de música na nube. Mala decisión pois, quen pode vivir sen música? Recuperei a aplicación hai uns días, instalando desde a tenda máis famosa da internet unha versión moi actualizada. Poño os cascos e selecciono ao chou unha lista de cancións. Tras dous ou tres temas, comezo a escoitar unha melodía, que tiña case esquecida. Logo outra, na mesma orde na que eu as dispuxera na miña lista, que eu crin desaparecida cando borrei a aplicación. Pensei: internet, a nube quérenme, lémbranme, administran malas decisións que, talvez, non debín tomar, e, por se acaso, gardan nalgún recanto as cancións que me gustaron algún día. Os tecnófobos extinguíronse. Nada é máis humano que a nube.

 (*) EDITOR E ESCRITOR