Domingo 16.11.2008
Hemeroteca web
|
RSS

DESPOIS de tomar posesión como presidente da Xunta en 1990, nun acto propagandístico de tinte populista co levou a percorrrer a pe, entre sons de gaitas, o treito que hai entre a sede do Parlamento, no Hórreo, e a sede da presidencia da Xunta, no Obradoiro, Manuel Fraga Iribarne quedara con Sixto Seco e un grupo de galeguistas históricos en visitar o Panteón dos Galegos Ilustres en Bonaval.
Era o seu primeiro acto oficial.
Aquel político, xa veterano, había sido ministro con Franco e con Arias Navarro, e nunca renegaría do seu pasado franquista, si ben se gababa de haber mantido posicións aperturistas dentro do réxime. Logo participara na Transición e asumira un papel destacado na redacción da Constitución de 1978, así como en atraer á dereita española conservadora o campo de xogo dunha democracia liberal asentada sobre o Estado de Dereito.
Cuestións todas elas sabidas e das que xa existe unha ampla información. E o mesmo ocorre no que afecta o seu carácter: certamente autoritario e marcado por un temperamento excesivo que podía pasar, nuna abrir e pechar de ollos, da cordialidade máis exquisita a unha cólera volcánica.
O certo é que houbo un Fraga rectilineo e un Fraga máis complexo intelectualmente, capaz de irse adaptando ós tempos e con eles ir asumindo distintos roles. O personaxe da para moitas visións, sin por elo negar o evidente: foi o líder do conservadurismo español e do conservadurismo galego na terceira parte do século XX. Ambas cousas son certas, e habería que analizar polo miudo a importancia que tiveron nesa readaptación persoal algúns momentos e circunstancias da súa vida.
En concreto, e de maneira especial, dúas: a etapa de embaixador en Londres e logo a súa presenza no Parlamento Europeo. Na capital británica, Fraga ten ocasión de captar de perto a experiencia de vivir nunha monarquía parlamentaria, e entra en contacto directo con políticos de distinta ideoloxía.
A visita que lle fai Mario Soares á embaixada española de Londres, co obxectivo de que España non intente abortar a Revolución dos Cravos, é un dato significativo dese novo tempo político que está a encetar.
O seu paso por Estrasburgo lle axudará a afondar nunha visión rexionalista de Europa e conformar un ideario autonomista máis en consonancia co pensamento galeguista do que nel era previsible pola sua traxectoria política anterior.
Dende a presidencia da Xunta, don Manuel intenta construir un discurso sobre o Estado das Autonomías asentado sobre catro columnas: o principio de autoidentificación, o de autogoberno, o da solidariade e o da participación. Iso lle leva a propoñer a Adminstración Única, a Conferencia de Presidentes, a presencia na Comisión Europea e a reforma do Senado, o que obrigaría a reformar a Constitución. Cuestións nas que irá por diante do seu partido.
Sorprende co seu referente fose o Conde de Gondomar, e que fixera súa a divisa de Diego Sarmiento de Acuña: "Desexo ser e parecer bo e verdadeiro galego".

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado