El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

{tribuna libre}

ANASTASIO SANTOS IGLESIAS (*)

O pazo de Amarante, obra de Juan López Freire

11.09.2012 
A- A+

NOS ÚLTIMOS MESES o pazo de Amarante está sendo obxeto dunha gran atención por parte dos medios debido ós trámites que o Concello de Santiago está levando a cabo para que o seu xardín se abra ó público. Pero, a historia deste edificio, como a doutros moitos pazos existentes na nosa cidade, non é moi coñecida, aínda que, neste caso, algúns veciños aínda recordan que no século pasado foi residencia do marqués de Figueroa durante moitos anos, antes de se converter en sede dos xulgados da cidade e, desde mediados dos anos noventa, do Consello Consultivo de Galicia.

Según a documentación que hoxe en día se conserva no Arquivo da Fundación Ducal de Medinaceli, unha parte da cal atópase microfilmada no Arquivo Histórico Universitario de Santiago, o pazo foi construído durante as décadas de 1780 e 1790 por orde do señor don Domingo Gayoso de los Cobos, marqués de Camarasa e conde de Amarante, entre outros moitos títulos. Os traballos foron dirixidos polo mestre de obras Juan López Freire, un dos principais representantes do neoclasicismo compostelán (del, e de Miguel Ferro Caaveiro, é a igrexa de Santa María do Camiño), e o coste total da súa construcción suporía un desembolso de máis de oitocentos mil reais, unha importante cantidade que reflexa a envergadura da obra emprendida por Juan López Freire, o cal tamén percibiría un soldo considerable (en 1786 era de oito reais por día traballado e en 1791 de 16 reais).

O novo edificio veu a ocupar o lugar de varias casas da Algalia de Abaixo, algunhas adquiridas polo propio don Domingo Gayoso e outras herdadas dos seus antepasados. Unha destas últimas, na que residiron os pais e os avós paternos de dito señor durante gran parte das súas vidas, xa fora adquirida a mediados do século XVI polo rexedor compostelán Gonzalo de Luaces 'o Mozo' e a súa muller María de Neira, a cal tamén compraría á monarquía, sendo xa viuda, o señorío de Oca (onde se construíría, tamén durante o século XVIII, o actual pazo de Oca).

Os sucesores desta parella, que sempre conservaron un posto de rexedores, continuaron adquirindo novos bens na cidade, ó mesmo tempo que iban emparentando, mediante os seus matrimonios, con outras familias da fidalguía galega (os Gayoso, os Arias, os Mariñas...), e acumulando un extenso patrimonio e un conxunto de títulos nobiliarios que acabaron sendo herdados por don Domingo Gayoso.

No escudo da fachada do pazo de Amarante, que tamén sería deseñado por Juan López Freire, pódense ver as armas dalgúns dos principais linaxes nobiliarios dos que don Domingo Gayoso era sucesor. Timbrado coa coroa de marqués e sostido por dous dragóns alados coas súas colas entrelazadas, na súa parte ezquerda atópanse representados os Sarmiento (con trece roeles), os Meira (con outros sete roeles) e os Mendoza (un cuarto dividido en aspa, con dúas bandas transversais, vinte paneis en forma de follas e unhas cadeas sobre a partición en aspa). Na parte dereita pódense ver as armas dos Arias (cunha cruz na parte superior do cuartel e faixas na inferior), os Gayoso (tres bandas alternadas con tres troitas), os Cobos (cinco leóns rampantes), os Ozores (un león rampante cunha espada cruzando o seu corpo) e os Bolaño (un bolo e, xunto a él, un cordeiro ou año).

Respecto ó xardín do pazo, aínda que non se conservan datos sobre os traballos feitos nel, tamén sería reformado naqueles anos, se ben os pais de don Domingo Gayoso xa fixeran unha importante reforma. Así, no testamento do seu pai, morto en 1751, deixábase constancia dun gasto de cinco mil ducados en "reedificar de nuevo el jardín" e noutras obras realizadas nunha casa da Algalia de Abaixo e en diversos edificios que posuía en Entremuros, algún dos cales lindaba pola súa parte traseira co xardín do pazo e, de feito, en determinados momentos foron utilizados para servicio exclusivo do mesmo.

 

(*) O autor é doutor en Historia e fixo

a súa tese sobre a casa de Amarante