El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

{ enfiando }

AFONSO EIRÉ

Quen é o Señor Mercado?

22.06.2013 
A- A+

CANDO era rapaz sabía moi ben quen era o Señor Mercado: o dono do comercio no que a miña nai me compraba a roupa en Chantada.

Hai uns anos O Mercado pechou pero comezouse a falar moito máis do Mercado até convertelo nun ente omnipresente non só na Galiza, senón no mundo mundial.

Así que me puxen, coma un Dióxenes calquera, a procurar quen era ese novo Mercado. Un día até participei nunha conferencia para empresarios ditada por Luís Garicano, catedrático de Economía e Estratexia do London School of Economics.

O Mercado paseouse durante case dúas horas pola sé da Fundación Barrié, na boca dun dos economistas novos máis influentes do mundo, segundo o Financial Times.

Como eu non vía ao Señor Mercado por ningunha parte, na quenda de preguntas inquirinlle ao conferenciante: "Quen é ese Señor Mercado do que tanto falou?"

"O Mercado somos todos", contestoume todo seguro e cheo de razón. Non volvín a ler o seu blog nadaesgratis e seguín, pola miña conta, na procura.

Non hai moito atopei unha pista nun traballo da Escola Politécnica Federal de Zurich, titulado A rede de control mundial das empresas.

Resumo aquí algúns datos por se nos axudan a vostedes e a min a coñecer ao Señor Mercado.

Partindo dunha mostra de 43.000 empresas transnacionais, que representan o 95% da actividade económica mundial, os profesores suízos chegan á conclusión de que "unha grande parte do control procede dun pequeno núcleo solidamente coligado de institucións financeiras que (constitúen) unha superentidade económica".

Esa "superentidade", solidamente conectada, está constituída por 147 empresas, que controlan o 40% da riqueza mundial e que "exercen un control dez veces superior ao que podería agardarse en función da súa fortuna".

Desas 147 empresas, as primeiras 50 da lista, coa única excepción da distribuidora Walmart e da China Petrochemical Groupe, son poderosas empresas financeiras (bancos, fondos e outros) ou xigantescas compañías de seguros. Todas se atopan no pleno corazón do mundo capitalista, igual que se atopaban no corazón da crise devastadora que comezou no ano 2008.

E non son novas, xa operaban na crise dos anos 30 do século pasado. Están máis relacionadas entre si ca daquelas e seguen controladas polas mesmas familias que xa as dirixían hai un século.

Non matinan coma min que o Señor Mercado podería ser o nome desa "superentidade", formada polas 50 familias que gobernan a economía mundial cunha única regra, como din os profesores suízos: acumular capital...

Xornalista