Domingo 16.11.2008
Hemeroteca web
|
RSS

Estes días aloxámonos non en Ostana, senón a media hora de camiño por unha estrada das que se poden denominar de rabo de porco; algo así coma un sacarrollas, se é que tal se lle dí ó sacacorchos, que tampouco non o sei. O rabo de porco, agora que os bacoriños xacen, sepultos en vida, estabulados nas granxas sen que a penas xa ninguén recorde a súa feitura, élles revirichado; en espiral senón solar sí crecente e dotado dunha certa mobilidade que non sei se dicir mórbida. Como a estradiña que nos levaba e traía dende Ostana ó hotel. En fin, que estabamos nun hotel chamado Alter, establecido nunha vella destilería recuperada ó efecto. Unha recuperación tan acadada e cabal que conclueu nun hotel deses chamados de "desing", o máis fermoso que levo visto.
Hoxe, en troques, escríbolles xa dende Roma. O hoteliño (ou así) dende o que o fago non ten nada que ver con aquel. Élles un hoteliño. Pero se abro a xanela que da a Praza da Rotonda vexo o Panteón e, xusto na casa do lado, podendo ollar o mesmo que eu estou a ollar agora, albergóuse Ludovico Ariosto, por lles poñer un caso. Según amanecín e baixei almorzar déronme un vale e indicaronme unha cafetería. Trátase da mesma que podo contemplar enfronte mesmo da mesma xanela dende a que lles acabo de dicir que podo contemplar o Panteón. Nesa cafetería foi onde debín facelo. O hoteliño non ten nen sequera comedor e, na habitación, síntome coma no camarote dun barco, tan estreitiño é. Pero enfronte teño o Panteón.
Saín de darlle ó cruasán e ó capuchino e entrei no Panteón, feito en tempos de Agripa. Nel están os sepulcros dos reis da casa de Saboia, vaia por Deus. Pero tamén está o de Rafael de Urbino e maila súa muller. Xacen xuntos, así o quixeron. Coño, qué emoción intensa! A cúpula grandiosa, o oco de nove metros polo que penetra a luz, logo o sartego diminuto sobor do que dúas rulas revolotexan unha rebuldeira danza nupcial, mentres se peteiran coma corresponde e din do amor e da súa levidade, tamén da súa perdurabilidade, pra que os que vimos tras deles saibamos que, malia tódolos nosos fracasos, eses amores son tamén posibles. Eis a tumba de Rafael e maila súa muller. Hai un busto del á esquerda do altar, pero non recordo a súa imaxe. Recordo en cambio a do seu esquelete, nunha vella foto do XIX, unha vez que o exhumaron. Tiña un colo do que o Arcipreste podería dicir aquel seu verso "? esbelto cuello cuello de garza", tan longo e repousado era. Recordo a feitura do seu cráneo. Dentro del aínda debe aletexar o voo da rula, tamén en espiral, pero agora solar, ascendente e eterna, pra consolo de nós todos.
ac@alfredoconde.es

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado