El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

NO PASAR DOS DÍAS

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

Escaravellos estafadores

13.08.2017 
A- A+

A medida que a humanidade tecnificou o seu su entorno, os medios de transporte adquiriron un carácter máis mecanizado, procurando á satisfacción de dúas tendencias básicas, con independencia dos problemas que puideran carrexar: dunha banda aumentar as velocidades e polo outro propiciar a independencia relativa do usuario. Esta tecnoloxía dos transportes, veu significar una meirande comodidade e eficiencia nos servizos máis tamén, noutro aspecto, veu supoñer un crecemento intolerábel dos impactos ambientais e sociais vencellados a esta actividade, entre eles a contaminación do aire.

Na España o transporte emprega preto do 40% do total da enerxía consumida (a media comunitaria é do 30%), cifra que chega ata o 50% se consideramos o ciclo produtivo desa actividade na súa totalidade. Resulta realmente difícil aceptar que a formación de toda unha serie de líderes políticos deste tempo de vangarda non lles permita que sexan quen de crear unha firme toma de conciencia sobre a habitabilidade e formación do medio ambiente social, e hai que agradecerlle ás ONG o grande labor que, pese a todo, viñeron realizando en beneficio deste noso planeta, pois non cabe a menor dúbida de que o maior destrutor da terra que habitamos é o propio ser humano.

Poderíase dicir, utilizando palabras do físico e matemático belga francés David Ruelle, de que a función dos lexisladores e dos funcionarios a fronte do goberno é a de atopar e implementar un equilibrio especialmente favorábel para a comunidade. Os lexisladores e funcionarios do goberno deberan considerar polo tanto que as súas decisións, orientadas a producir un equilibrio mellor, poidan, pola contra, producir oscilacións violentas e imprevistas con consecuencias probabelmente desastrosas. Neste ambiente xoga un papel determinante a contaminación do aire xerada polos gases, aerosois, fumes, po, ruídos, malos olores, radiación atómica, etc. Entre os contaminantes gasosos máis comúns atopamos o dióxido de carbono, o monóxido de carbono, os hidrocarburos, os óxidos de nitróxenos, os óxidos de sofre e o ozono. Para a organización “Ecoloxistas en Acción”, as principais causas da contaminación do aire están relacionadas coa queima de combustíbeis fósiles.

A combustión destas materias primas prodúcese nos sectores industriais e do transporte polas estradas. Segundo os ecoloxistas, un 80% da contaminación atmosférica na España está causada polo tráfico rodado. A este escenario vense unir unha vivencia mundial aterradora, conforme relata o xornalista Carles Planas, coas duras consecuencias do dieselgate ou Volkswagen escaravello, o escándalo da historia do automobilismo, e unha estacada económica para o xigante da automoción alemán, que  pode supoñer a morte prematura de 1.200 persoas na Europa e once millóns de autos revisados. “Á contaminación non lle importan os límites políticos, vai máis alá diso”, denuncia Steven Barrett, co-autor do informe do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts. Estamos apañados.

Da Real Academia Galega