El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

{ TRIBUNA LIBRE }

JOSÉ FERNÁNDEZ LAGO(*)

Santiago: aires de universalidade

18.05.2018 
A- A+

quen camiña polas rúas compostelás, e da unha ollada ao que acontece na Catedral, non pode menos que deixar o provincianismo de algúns e sentirse cidadán do mundo. Hoxe non basta saber francés ou inglés para poder orientar aos que chegan, nin sequera se te desenvolves en italiano, e mais en alemán ou na lingua de Cervantes. Hai ocasións, cada vez mais frecuentes, nas que tes que botar man dos signos como linguaxe universal, se queres serlles de algún xeito útil aos peregrinos.

Pasaron cinco séculos desde que Lutero, mesmo sendo un home entendido na Biblia, e sendo a peregrinación algo propio do xudeu e do cristián, promoveu desde os medios dos que dispoñía, a loita contra Santiago e o seu camiño. En troques, neste mesmo mes, un bo grupo de luxemburgueses e despois de filipinos, veñen camiñando, e, ao remate do Camiño que os conduce ata a tumba do Apóstolo, recibirán a medalla da Archiconfraría.

Por outra banda, un día que non era de fin de semana, neste mesmo mes de maio, o martes anterior á Festa da Ascensión, nun día e hora na que non estaba previsto que funcionara o botafumeiro, participaron na Misa do Peregrino, ás 12 da mañá, veciños de algunhas nacións que noutro tempo eran impensables. Para evitar o cansazo do lector, limítome a algúns países que resultan mais estraños para a xente do Occidente europeo: Colombia, Rusia, Líbano, Eslovaquia, Indonesia, Austria, Dinamarca, Irlanda, Sudáfrica, Tailandia, Croacia, Australia, Luxemburgo, Nova Zelanda, India... Peregrinos de todos estes países, xunto aos de Estados Unidos, Francia, Holanda, Canadá e moitas outras nacións e mesmo de diversos lugares de España, participaron nesa Eucaristía na Catedral.

Ata o 8 de maio podemos afirmar, con datos saídos da Oficina de Acollida ao Peregrino, que houbo un 7'5% mais de peregrinos a pe, en bicicleta ou a cabalo, que o pasado ano nas mesmas datas.

Se á xente que chega á Oficina do Peregrino, por razóns de tipo relixioso ou mesmo antropolóxico, unimos outras persoas que se conforman con chegar á Praza do Obradoiro ou con camiñar polas rúas compostelás, comprenderemos que a UNESCO considerara a Santiago Cidade de Patrimonio Universal, e tamén o que o Cardeal Bertone, sendo Secretario de Estado do Vaticano, aceptara facer unha Ordenación Episcopal en Santiago e non na capital de outra Diocese galega. Compréndese tamén que D. Juan de Contreras, Marqués de Lozoya, a quen Deus teña na gloria, chegara a dicir que Santiago era a primeira cidade de España, por diante da súa Segovia natal.

Cando un percibe o que está a pasar, e non só o que se poida dicir, non deixa que chegue o tempo no que non poida xa cantar, e entoa agora: "Compostela eterna, la ciudad de piedra, joya de Galicia y de España entera..."

(*)El autor es canónigo lectoral