Domingo 16.11.2008
Hemeroteca web
|
RSS
O Consello da Cultura Galega iniciou o seminario Lingua, sociedade e política en Galicia, que pretende un debate arredor da promoción e normalización da lingua propia. A primeira das catro sesións -que acabarán en xuño- celebrouse o día 1 coa participación de especialistas en socioloxía, sociolingüística e politoloxía. É a primeira acción pública do Consello da Cultura pola lingua despois de lle facer chegar ao Parlamento a recomendación aprobada na súa sesión plenaria do día 17 de novembro recomendando a promoción dunha Comisión Parlamentaria que permita o desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística.
Os temas expostos e debatidos foron: Análise xeral: política e conflitos lingüísticos no Estado español, por Albert Branchadell Gallo (UAB), contestado por Antón Baamonde (USC); Análise: política, sociedade e lingua en España e Galicia nos últimos anos, por Fermín Bouza Álvarez (U. Complutense), contestado por Xosé Manoel Núñez Seixas (USC); Diagnose: a política lingüística das administracións galegas nos últimos anos, por Antón Losada (USC), contestado por Nel Vidal Barral; e Diagnose: evolución da situación sociolingüística en Galicia nos últimos anos por Mauro Fernández (UdC), contestado por Xaime Subiela.
Albert Branchadell falou dun bilingüísmo estratéxico, modulando a presenza das linguas no espazo público para garantir a posiblidade real de elección por parte dos falantes, lembrando que non existe en España o dereito a escoller a lingua vehicular no ensino. Manexáronse despois datos procedentes de diferentes estudos, cotexáronse termos de uso en sociolingüística e tiráronse conclusións que me parecen de sumo interese para o tema. En primeiro lugar, segundo os datos mostrados por Fermín Bouza e Antón Losada, o tema da lingua foi irrelevante no resultado electoral do 1 de marzo, a pesar de canto se ten invocado para esixir e explicar un cambio no desenvolvemento normativo. A segunda, que o uso da lingua galega ten un pequeno repunte nas xeracións máis novas. Mauro Fernández incluso sostén, coas súas análises estatísticas, que o idioma galego aínda segue a ser lingua habitual maioritaria en Galicia. Fermín Bouza non foi tan optimista e a min cóstame selo, pero imos crer nos datos dos expertos e coidar que non baixen.

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado