El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

Palabras e parole

ISABEL GONZÁLEZ

Sinónimos léxicos

02.07.2017 
A- A+

PARA o redactor dun dicionario bilingüe como o italiano-galego, o problema dos sinónimos, ten unha dificultade maior que no caso dun dicionario monolingüe porque no primeiro hai que facer 'encaixar' unha lingua coa outra.

Esta dificultade haina que resolver, loxicamente, da maneira máis adecuada, entre outras cousas, para acadar o fin que se pretende que, como xa temos indicado, é o de proporcionar a información necesaria, e se é posible, que esta sexa ben precisa, para ir reducindo a ambigüidade e ao mesmo tempo para ir aumentando o vocabulario do usuario. Dese xeito, ademais de "estadullo" o italiano aprenderá 'fungueiro' ou saberá que pastor ten un sinónimo: "pegureiro".

Temos que partir da base da dificultade -senón a imposibilidade- dunha equivalencia semántica entre todas as palabras. Iso quere dicir que os sinónimos teñen unha equivalencia relativa, parcial, e moi raras veces total. Á hora de elaborar un dicionario como o noso, pódensenos presentar varios casos, fundamentalmente tres:

Que non sexa moi difícil atopar un sinónimo sen matices. Da mesma maneira que "alento" é sinónimo de "bafo", o italiano "fiato" é sinonimo de "alito", ou "baixamar" equivale ao italiano "bassa marea", cos sinónimos respectivos "refluxo" e riflusso". Pero incluso neste caso non é tan sinxelo como parece porque cando se trata das emocións ou dos sentimentos, xa hai moitos máis matices: o "cabreo" non é sinónimo de "anoxo" (nin de "enfado"), e o italiano "irritazione" (ou "stizza", que é máis ben "rabia") non son totalmente sinónimos de "seccatura". Temos, xa que logo, que fiar moi fino para darlle a cada palabra o sinónimo correspondente na outra lingua.

Que a palabra que estamos a redactar teña varias acepcións o que nos obriga a atopar sinónimos que senón idénticos teñan polo menos unha sinonimia relativa. Vexamos, por exemplo, o substantivo galego "badanas", que ten tres acepcións fundamentais: "descoidado no aseo persoal", con moitos sinónimos como "adán", "bandallo", "baldrogas", "zalapastrán" etc., pero cada un cos seus matices diferentes. "Badanas", equivale ao italiano "sciatto" co sinónimo "trasandato" e outros máis como "dimesso", "trascurato"...; unha segunda acepción de "badanas" (persoa que ten pouca vontade para o traballo e que está pouco disposto a realizar algunha cousa, tamén cunha chea de sinónimos como "folgazán", "galbán", "lacazán", etc., que corresponde ao italiano "fannullone", co sinónimo "pigrone", "scioperato". A terceira acepción "persoa sen carácter", en italiano "sciocco", en ambas as dúas linguas sen sinónimos. Non hai máis remedio, como dixemos, que encaixar os matices dunha lingua cos da outra.

Que a palabra que imos redactar, como por exemplo o italiano "piovigginare" teña en galego máis de 20 sinónimos: babuñar, babuxar, barbuñar, barbuzar, barrallar, barrazar, barrufar, barruñar, barruzar, brecar, chuviñar, chuviscar, froallar, lapiñar, marmallar, marmuñar, orballar, patiñar, poallar, zarzallar, etc. Ao ser case imposible atopar unha equivalencia "perfecta" entre os diferentes sinónimos, daremos como equivalente: "chuviscar" e como sinónimos os dous máis comúns: "barruzar" e "orballar".

Se non queremos que os sinónimos sexan soamente meras semiequivalencias das distintas acepcións, temos que matizar os diferentes graos ou niveis dunha lingua para encaixalos con moita precisión e exactitude cos da outra. Por experiencia sei que non é unha tarefa doada.

Catedrática de Filoloxía Italiana USC