Domingo 16.11.2008
Hemeroteca web
|
RSS

Sei que foi un día 13, pero non sei de qué mes. Coido que sería o de maio, pero sospeito que fose máis ben o de octubre porque era tempo pouco caloroso e non daba tanto agobio contemplar a rengleira de pelegríns que se achegaban ou que regresaban de Fátima ocupando as beiras de tódalas estradas polas que Carlos Casares, Ramiro Fonte, Luis Tosar e máis eu viñamos camiño de casa procedentes de Lisboa. Agora hai xa moito que non cito eiquí a Miguel Torga, nin aquela viaxe que acabo de recordar e que, logo do xantar, sirveu pra que os catro citados nos achegaramos ata Coimbra a saudar ó gran escrito xa falecido, dono dunha terrible sona de túzaro e furaño que con nós non gastou en absoluto, senón todo o contrario.
Ó se me mesturar tódolos recordos que amoreo tirei dun andel o Tomo XV e derradeiro do 'Diário' de Torga e busquei a data do 13 de setembro do 1988, por se fora a dese día a da nosa visita. Non. Daquela andaba eu ocupado en asuntos que hoxe andan bastante desatendidos e o eximio escritor estaba en Verín, Ourense, escrebindo que "o meu iberismo é um sonho platónico de harmonia peninsular de naçôes. Todas irmâs e todas independentes. Mas é tambem uma paixâo escabreada, que arrefece mal se desenha no horizonte qualquer sinal de hegemonia política, económica ou culturaL Que exige reprocidade na sua boa fé e nos seus arroubos. Que quer apenas comungar fraternamente num mais largo espaço de espiritualidade". Ano e pico despois, o 31 de nadal do 1989, Torga deu por pechado o seu diario e dalí a pouco morreu.
Recordo a Torga, na súa casa, asténico e fibroso, enxoito de encarnadura, o cránio deses que permiten ós chineses alcumarnos de "caras de cabalo", o sorriso escéptico e entregado, as pernas cruzadas amosando uns enrugados calcetins sen elásticos que se lle repousaban nas canelas, permitindo contemplar unhas pernas brancas e delgadas coma estadullos dun carro. Foi un serán ben agradable aquel que pasamos có mestre da literatura portuguesa. Era outono.
Agora sei que todos temos soños platónicos, senon a qué vivir? Son eles quen nos manteñen a paixón necesaria, imprescindible que faga da existencia algo máis que a monótona sucesión de comer e durmir, de traballar, sen máis horizonte que o do atardecer próximo. Qué soños alentan na sociedade de hoxe, nos seus dirixentes, na súa mocidade; cáles son os que moven ós nosos creadores? Cáles os colectivos? Temos algún soño que o sexa, que sexa colectivo, compartido e común, de todos? Moito me gorentaría poder dar por feito que si. Moito.
ac@alfredoconde.com

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado