Domingo 16.11.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Aproveito a interrupción do tráfico para observar aos manifestantes que non pasan a pé, van empoleirados nas cabinas das súas máquinas agrícolas e son, case que todos, homes -só unha muller ao volante dun inmenso bicharraco-. Son, digo, na meirande parte, mozotes de vinte, trinta e pico de anos. Sorpréndenme a alta participación xuvenil e os vehículos que guían: do paquete, con moitos cabalos de forza e poderosa cilindrada. Nada que ver con aqueles cacharros de segunda mau -viñan medio queimados das Castelas- que chegaron aquí onda nós a comezos dos 60 e que foron substituíndo de vagar ao carro do país, símbolo da cultura propia, utilísimo apeiro de carreto durante unha chea de séculos que non opuxo resistencia; tirouse do medio e punto, en silencio.
Poucos destes novos gandeiros han saber o que era unha canga, un temoeiro, unhas canizas, unha chavella... Léxico de noso que morreu mentres entraban outros termos: autocargador, rotativa, muxideira, remolque...Porque os avances tecnolóxicos impoñen novas denominaciós, e as palabras, cando se respectan, saben andar cos tempos. O que non ten volta é unha economía á que se lle tira toda a saiba nutricial. Se non se toman medidas, axiña, os produtores de leite e de carne -atrás deles irán os poucos que sobreviven traballando a terra-, serán exterminados. E así, á volta de nada, o campo galego ha ser, coa benzón dos que nos gobernan, un grande ermo sen memoria do que foi, do pouco que aínda queda de Galicia. Estes mozos que pasan serios non andan con monadas; alertannos da agonía das súas casas e familias. E aínda así haberá señoritingos que, amparados nas liberdades democráticas, dirán coa boca chea: " Xa están aí outra vez eses pailás lucindo os tractores polas rúas, son unha pandilla de aldeanos resentidos, fano para amolarnos aos urbanitas".

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado