El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

réplica

RAMÓN LORENZO CATEDRÁTICO DE LINGÜÍSTICA ROMÁNICA

"Un hermoso día", señor Agís

15.08.2007 
A- A+

Eu non adoito ler os artigos de filosofía barata que Marcelino Agís escribe periodicamente neste xornal, porque non me interesan o máis mínimo, pero hai unhas semanas publicou un sobre a supresión da Misa de Rosalía que a Fundación Rosalía celebraba tódolos anos o día do Apóstolo e no que remataba dicindo que esta supresión era unha "afrenta" a Galicia.

Como eu estaba presente na reunión en que se decidiu por maioría suprimila, non me pareceu adecuado que falase dunha "afrenta" e chameino por teléfono para mostrarlle a miña disconformidade, porque non me pareceu oportuno publicar un artigo de réplica tratándose dunha persoa á que lle tiña certo aprezo. Pero velaquí que onte Agís publicou outro artigo titulado Un hermoso día, no que, sen citar o meu nome, reproduce dunha maneira totalmente terxiversada a conversa que tivemos e nel indica que puxen unha voz "melancólica" e que tiña un regusto de mala conciencia ó aprobar unha iniciativa que contradicía a miña militancia galeguista. E ademais este grande sabio dixo que sentiu unha inmensa lástima por min, "salvador de la patria", aínda que non mo dixo por piedade. Vaiche boa, señor Marcelino! Os paxaros tiran ás escopetas. A verdade é que o artigo podería molestar bastante se non fose tan gracioso e propio dunha persoa de tanta altura filosófica.

Eu expliqueille a Agís que a misa en galego por Rosalía tivera a súa función nos anos máis duros da ditadura como acto de afirmación nacional e que a ela asistiamos tódolos que sentiamos amor pola lingua e a defendiamos contra a represión, pero que nos últimos anos se convertera nunha parafernalia na que levaban a voz cantante moitos políticos que non se caracterizaban precisamente por ser defensores da nosa lingua. Tamén lle dixen que era unha bonita maneira de defender a nosa identidade escribindo o seu artigo en castelán. E agora venme con que el escribe en galego, pero que non renuncia ó castelán, nin ó inglés, nin a non sei cantas linguas máis, porque é un luxo que se pode permitir un profesor universitario. E isto si que me fai rir, que ós meus anos me veñan dar leccións de linguas cando me tiven que enfrontar con moitas para ser catedrático de Lingüística Románica. Pero, home, non confundas o cu coas témporas. Cada un é libre de escribir no idioma que lle pete, mais o que non se sostén é que digas que lle facemos unha "afrenta" a Galicia e á identidade galega e que o fagas escribindo en castelán, porque é unha contradición digna do bilingüísmo harmónico que practicas.

Como non penso seguir polemizando con máis réplicas, quería rematar dándolle as grazas ó señor Marcelino Agís polo ton festivo do seu artigo e por sentir esa "inmensa lástima" por min. Tamén aproveito para pedirlle perdón por telo molestado coa miña chamada telefónica cando estaba placidamente adurmiñado coa súa siesta e pídolle que disimule o meu sorriso, porque ese seu artigo tan profundo parece que está feito cando aínda non espertara totalmente do seu letargo.