El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

XOSÉ MANUEL G. TRIGO

Viños e versos

14.07.2018 
A- A+

EN chegando o verán apetece falar menos de política e máis doutros pecados. Nestes días aumenta o consumo de praceres, non só os da carne senón os do intelecto, que habelos hainos. Dicía Ortega que no verán tamén as ideas eran máis sexys. Nunha tardiña de estío, tombado nunha rede -contaba don José-, é moi erótico acariciar o corpo espido dunha idea. Eu, como aínda non cheguei a ese refinamento sensual, en materia de hedonismos de verán só aumento o consumo de viños e versos. Que veñen sendo a mesma cousa, segundo un portugués, Teixeira de Pascoaes, que escribiu aquilo tan bonito: "O vinho é poesia que se bebe; a poesia é vinho que se ouve". E deste xeito aproveitaba para facer publicidade dos seus viños de Amarante, que seica son moi bos para acompañar a saudade, e mesmo inspiraron un movemento literario que se chamou o Saudosismo.

Hoxe, coa multiplicación de castes, cepas e etiquetas, temos viños que se cadra non chegan a inspirar unha nova escola poética pero poden combinar con toda clase de estados de ánimo. Agora lévanse -precisamente falando de poesía- os viños chamados "versos libres" ou "versos soltos", que veñen sendo unha (sub)especie deses que con moito atrevemento clasificamos como "viños de autor". Como lles gusta aos novos enófilos urbanitas dicir "viño de autor", ignorando o significado principal e primeiro -etimolóxico- da palabra autor: que aumenta. Un autor ten que ser un "aumentador" da felicidade dos homes (e mulleres). Pero, claro, todos temos probado viños de autor que nos fixeron moi infelices.

O que si vou catando cada vez con máis fruición no medio desta babel de viños de autor, viños versos libres ou versos soltos, son os viños que me gusta chamar "de eido", expresión que quedaría moi suxestiva e evocadora en etiqueta. Por certo, é un escándalo o desleixo da calidade textual da enoparla de etiqueta dos nosos viños. Un albariño ten que empezar a saber ben polos efectos semánticos dos adxectivos enxebres, aromáticos, fonéticos, sensuais con que llo propoñemos ao bebedor cosmopolita (e incluso ao cosmopaleto).

A preguiza lingüística que padecemos tamén explica a falta de orixinalidade dos epítetos cos que vestimos as nosas botellas. Eu escribiría con moito gusto de pluma e padal unha sonequeta (soneto de etiqueta) para o viño de eido que fai Pepe Aguilar en Vilaboa, para esa botella onde se aman apaixonadamente o albariño e mais a treixadura, el e mais ela. Que ben sabe ese amor. "Poesia que se bebe", volvería dicir aquel portugués.

Escritor