Jueves 02.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Voz que segue ecoando entre os castiñeiros caureliáns. Unha voz inconfundible e para sempre. É a voz, o canto de Uxío Novoneyra, a quen lle dedicamos este ano 2010 o Día das Letras. Persoalmente tiven con Uxío encontros e coincidencias mar por medio (como cando traducín poemas del ó castelán, na Habana). Coñeceriámonos logo, en 1972, en Galicia. Ata me cadrou de servir de ponte entre as asociacións de escritores cubana e galega; os contactos eran, con el e con Fernán Vello. Nos anos que precederon ó seu pasamento estivemos xuntos en recitais de poesía en Pontevedra e Betanzos. De Uxío hai moito que dicir. E vénse dicindo. En Edicións Xerais acaba de saír un libro significativo. Unha obra que nos axuda a coñecer o home e o poeta: Uxío Novoneyra revisado, de Xosé Lois García. Acaille ese verbo, porque o autor pasa revista á traxectoria vital e creativa do seu amigo.
Lin este libro de vagar, e amais da calidade literaria do texto, e da evidente amizade persoal entre os dous, vemos diversas facetas do poeta das que non tiñamos noticia. Vemos o afán de síntese, que o autor atribúe a unha tendencia Zen. Eu teño sempre presente aquel poema dun só verso que di: "Chove para que eu soñe". A síntese caracteriza outro poeta lucense da montaña, o meirao Avelino Díaz. Tampouco sabiamos do seu facer como gravador, nin de que os seus poemas caligráficos puideran ter unha inclinación orientalista. En canto á autodesignación de "dicidor" é curioso, pois tal se chamaba a si mesmo o deputado galeguista e gran orador sadense Ramón Suárez Picallo.
Xosé Lois di moito máis, neste libro imprescindible. Xuntos percorren Galicia, Navarra, Barcelona, Compostela. Hai nesta obra referencias ideolóxicas e achegamento a un creador vangardista, fondamente humano; a un home desta terra e deste tempo. Unha achega valiosa para coñecer mellor a un dos nosos grandes poetas.

Una señal pintarrajeada para Biduído
Piden limpieza para un local de Rois
Desperdicios sin control en O Restollal
Pintadas hasta en paneles informativos