El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

XOSÉ MANUEL G. TRIGO

Económicas

07.10.2017 
A- A+

A FACULTADE de Económicas cumpre este curso cincuenta anos. E parece que foi onte. Ese onte sentimental que só ten Económicas e que aínda latexa na memoria universitaria daquelas xeracións. Con motivo da celebración non van faltar brillantes actos convencionais que peneiren este medio século de produción académica; pero se cadra faltará unha lección maxistral sobre a produción sentimental desta facultade. (O que pasa é que nesta nosa nación a produción estético-sentimental é a de menos produtividade).

Para aquelas fornadas que chegamos a Santiago no curso 1967-68 (e seguintes), Económicas foi a facultade de todos, porque daquela o espírito de moitos universitarios aínda era un algo universalista. De xeito que había días que un recolectaba leccións en varias facultades. Había unha "erótica dos saberes" -como diría Massimo Recalcati-, que hoxe foi expulsada das aulas pola erótica dos haberes. Ou sexa pola ansiedade salarial. Hai que facer unha carreira universitaria non só para un poder gañar a vida, senón tamén para un enriquecer a propia vida.

Para aqueles mozos que espertabamos en Santiago á sombra das mozas "rojas" en flor, Económicas tiña o atractivo de ser a facultade "rojísima". E entre aqueles profesores primeiros e heroicos (era unha heroicidade atopar daquela economistas docentes), non todos eran moi rechamantes de "color", pero algún xa pintaba en "rojo". Nos míticos barracóns do Burgo das Nacións quen gañou unha cátedra vitalicia na miña memoria foi José Antonio González Casanova, que desde a súa Teoría do Estado (creo recordar) encapsulaba subrepticiamente análises da economía franquista nas décadas precedentes.

Aquelas leccións eran coma unha brisa fresca e excitante, unha limpa das nosas mentes a monte. L­onxe de subscribir a opinión de Carlyle de que a economía era a "ciencia da desesperación", pareceunos que naquelas aulas sementábansenos moitas esperanzas. Eran tan luminosos os horizontes nos días daquel outono... Despois virían cincuenta anos coas súas luces, e coas súas sombras.

Pero o bonito é que na lembranza fica aínda aquel onte sentimental, porque "all is lost, save memory", como lle gusta escribir a Casanova (no último libro que lle lin, Casablanca. Realidad y mito) citando a Scott Fitzgerald. Daquela facultade de Económicas quedounos na memoria a idea/ilusión de que sempre é posible facer un mundo mellor.

Escritor