El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

XOSÉ MANUEL G. TRIGO

Lexicomanía

13.01.2018 
A- A+

É CURIOSA esa moda da lexicomanía que dá en elixir a palabra do ano ou en privilexiar neoloxismos -con frecuencia insípidos e cacofónicos- que pouco a pouco, "pasito a pasito, suave suavecito", coma na canción de Fonsi, vanse acubillando no dicionario. Canto máis esquecemos a sintaxe máis adoramos as palabras. A verbatura pura e dura. A cousa vén resultando ser un indicador do empobrecemento discursivo non só de nós a xente común, o ordinary people, senón das elites, dos poetas, dos políticos. A poesía confórmase co epifonema e a política coa haploloxía, de xeito que en vez de darnos -un supoñer- discurso sobre Europa, guíndannos un logátomo, v.gr., coma Merkozy (nos días de Merkel e Sarkozy) ou Merkacron, agora.

En Estados Unidos seica está desmellorando moito a figura de Donald Trump (mesmo queren metelo nun psiquiátrico), pero xa ameazan cun machihembrado destes: Jarvanca, procedente do connubio verbal de Jared (Kushner) e mais Ivanka (Trump). Disque (disque-disques de Paul Krugman, de Michael Wolff e así) o presidente dos EE UU está tolo e en calquera momento pode mandar incendiar Washington (coma aque­loutro toliño que incendiou Roma), porque está convencido de que o queren envelenar. Pero a súa ambiciosa filla e mais o seu agoadizo xenro xa teñen artellado con moita afouteza o artefacto onomasiolóxico para as vindeiras eleccións: Jarvanka.

Aquí aínda non chegou a teima esta da marca-verba andróxina coa que botarse ás eleccións que vaian vindo; e iso que tamén temos algún alcalde moi tolo e algún presidente que está peor ca Trump da cabezeciña. Pero vese que nos falta esta caste de creatividade neolóxica para motivar o electorado. O partido que neste momento podería propoñer con éxito un destes voquibles é Ciudadanos presentando a confusión dos nomes dos seus dous líderes máis relucentes (Arrimadas+Rivera): Arrimavera, co seu evidente poder morfosemántico de anunciar un tempo novo, primaveral.

Porque a política sempre debe ser a arte de intentar facer coa cidadanía "o que a primavera fai coas cereixeiras", como dixo o poeta (Neruda). "Jarvanka arranca" xa é o eslogan que se oe polos corredores da Casa Branca mentres Donald Trump berra que o queren envelenar; e aquí, ao mellor, dun momento a outro empezan a soar os cantos de serea de "Arrimavera, la sangre altera", mentres Rajoy berra "todo es falso" ("menos algunas cosas").

Escritor