Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Que palabra empregar

    ENFRONTARSE á dialectoloxía italiana é perderse nun mar de fondo con moitas posibilidades. Neste caso, refírome a aqueles alumnos que despois de ter aprendido lexicoloxía italiana nas nosas clases, chegan a Italia e atópanse un pouco confundidos cando van, por exemplo, tomar unhas tapas “facendo il giro per prendere qualche spuntino”.

    Por experiencia sei que, polo xeral, os estudantes pregúntanse cal é a palabra que deben usar para referirse a un termo concreto. Pensemos, por exemplo, na sandía, tan apetecible de verán. Se se atopan no norte para pasar unhas vacacións, escoitarán anguria, o termo máis común nesta parte de Italia, mentres que se están facendo un curso na Italia central e queren pedir de sobremesa esa froita, con toda seguridade oirán cocomero.

    Se para coñecer un pouco do país teñen a posibilidade
    de viaxar a unha zona meridional a expresión máis xeral é melone ou melone d’acqua. E así poderiamos continuar. A solución sería, claro está, consultar un dicionario para atopar a palabra máis frecuente e logo unha serie de sinónimos ou remisións.

    E falando de estudantes, unha cousa que algúns practican ás veces, incluso nos cursos de verán, é latar, (“latar á escola”), en castelán “hacer novillos, hacer pellas” que, entre outros, ten en italiano, un número moi elevado de variantes. A palabra común é certamente marinare, como xa temos analizado noutras columnas, pero as aparencias enganan porque son varias ducias as palabras que veñen dos dialectos ou de usos locais.

    Agora xa non tanto porque un instrumento como o afialápis quedou no recordo, se os alumnos se virán na necesidade de empregalo, atoparíanse que aínda que a verba máis común é temporino, nunha parte do norte dise fapuante, appuntino moi usual na Toscana ou spizalapis, appuntalapisse, uzz`bbse, noutras partes concretas.

    Xa hai anos recordo que unha alumna me contou a súa experiencia (ía a Florencia cunha bolsa) e nada máis baixar do tren escoitou a dous paisanos dicir algo así como “cascare come il cacio sui maccheroni” aludindo a aquelo que ven a propósito no momento xusto “vir como anel ao dedo”.

    Como era unha rapaza intelixente pensou: estamos nunha zona de cacio máis que de formaggio e tiña toda a razón porque esa é a palabra máis común na Toscana. Dicíame que despois quixo aproveitar a viaxe e recorreu outras zonas nas que atopou unha enorme cantidade de variantes: caciu no Lazio; caso na Campania; formaggiu na Calabria, etc.

    O mesmo me din, nunha conversa de café, os galegos que van a un desfile de moda a Milán, a unha beatificación a Roma, ou a un partido de fútbol da Juventus, sobre todo cando estaba no equipo Ronaldo, e falan cun camareiro lombardo, un policía romano, ou un cociñeiro piemontés.

    31 mar 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito