El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » La Quinta

A QUINTA

REDACCIÓN

Hai algo que celebrar no 17M?

17.05.2018 
A- A+

ASISTIMOS Á LITURXIA rutinaria do Día das Letras coa sensación amarga de que a nosa cultura sobrevive nas trincheiras do gueto, e de que a nosa lingua matria esmorece entre cantos e máis cantos a unha normalización que nunca chega. Do gueto cultural teñen moita culpa as institucións que custodian o ADN da nosa escrita, comodamente instaladas nunha folla de ruta afastada da sociedade e envoltas no aire viciado dos botafumeiros. A elección do homenaxeado cada 17 de Maio é un exemplo palmario desa desconexión entre a Real Academia Galega e a cidadanía. Non ten xustificación nin desculpa, nestes tempos de hiperconexión planetaria, que os académicos persistan nun modelo de escolla pechado, endogámico, que as máis das veces deixa indiferentes aos galegos, co que o Día das Letras dexenera nunha fría celebración institucional. Tampouco axuda, por certo, que sexa festivo, cos escolares desconectados da simboloxía da xornada. Farían ben os doctos membros da RAG en aprender de experiencias exemplares como a que apadriña Ubaldo Rueda, director do instituto compostelán Rosalía de Castro, cos prestixiados premios Arcebispo San Clemente, nos que teñen voz e voto alumnos de toda Galicia. Tan complicado é abrir á votación en Internet a terna de cada 17M? Sobre o esmorecemento do galego, a propia RAG e o Consello da Cultura alertan no seu informe máis recente de que os menores de quince anos monolingües en castelán poderían estar superando aos monolingües en galego como idioma de iniciación, e de que a lingua matria é residual en espazos claves como a familia, o ocio, o comercio, a publicidade...; na vida diaria, ou sexa. Esa batalla, a da normalización e o bilingüismo harmónico, estana perdendo de xeito lastimoso as institucións, tanto a Xunta canto a RAG e o CCG. Quizais a clave da desfeita estea no que unha perspicaz universitaria lle espetou estoutro día a Víctor F. Freixanes, segundo confesión propia do presidente da Real Academia: "Por que non lle dades vacacións a Rosalía e a Castelao, e nos escoitades a nós?". É esta a nai de todas as preguntas, porque mentres o galego non conecte de verdade coa xente nova -o futuro do país-, mentres non sexa protagonista en igualdade do noso día a día, pouco (ou nada) hai que celebrar no Día das Letras. Nesas estamos.