imprimir Pechar fiestra

CRÍTICA

Rehabilitando os finais felices

17.06.2007

ANTÓN TABOADA

A proposta que trae Miguel Ivorra ó espazo de Zurich-SCQ é certamente unha forma interesante de reciclaxe, mais non unicamente pola reciclaxe física do propio material e soporte das súas pezas, senón pola reciclaxe das referencias que escolle como punto de partida e as que engade logo para transformar ás primeiras.

O concepto de rehabilitación que utiliza o autor define perfectamente cal é o proceso que este segue á hora de elaborar as súas obras. Miguel Ivorra rescata do lixo ou simplemente do esquecemento as imaxes que decoraban as casas nos anos 60 e 70. Utilizando como base estas láminas ou pinturas, introduce novos elemento traídos tamén do pasado, como son as personaxes animadas de Disney.

Nun mundo de nostalxia kitsch confúndense as paisaxes idílicas poboadas de cervos e adornadas con auroras boreais que case todas as avoas tiñan presidindo a sala de estar, cos escenarios bucólicos nos que se desenvolven os finais felices de Disney. Mundos nos que florece a primavera como se tivese a intención de quedar para sempre, e nesta etapa de abundancia ningún animal ten que preocuparse dos depredadores.

Como se dunhas vacacións permanentes se tratase, a fusión destes mundos idealizados semella representar todo aquilo que debeu ser o pasado. As pinturas de paisaxes son en realidade fiestras que se abren no cotiá para permitir momentáneas escapadas, polo tanto co paso do tempo van tornando en nostálxicas portas ós momentos felices do pasado. Outro exemplo de memoria selectiva son as fotografías das viaxes, estampas felices con monumentos ó fondo. Miguel Ivorra amósanos algunha imaxe que podería corresponder á viaxe de noivos de Brancaneves e o seu Príncipe, mais en realidade é unha imaxe universal onde poden variar os actores ou o decorado, pero semellan contar sempre a mesma historia.

O que precisamente ten a memoria selectiva é que se eliminamos o negativo do pasado, xunto cos momentos anódinos de monotonía que ninguén lembra, o que finalmente queda son postais de felicidade que a nostalxia se encarga de narrar cunha historia que semella universal, e que non se diferenza moito dos idealizados contos de Disney.

Miguel Ivorra fai chocar constantemente as visións de fantasía e memoria idealizadas para evidenciar a autocensura que a ambas se aplica. En ocasións subverte de tal xeito as referencias iniciais evidenciando unha perda de inocencia que permite contemplar con humor esa nostalxia edulcorada. De feito, o humor atrevido deste artista é o que capta con forza a atención do visitante, e é unha das cousas que se bota en falta frecuentemente nos circuítos convencionais de arte contemporánea, onde calquera pode atreverse a case todo menos a rirse un pouco.