imprimir

A contrabutaca

A memoria histriónica

14.09.2007 A xira que conmemora os 125 anos de existencia do teatro galego segue a inundar as salas, rúas e prazas de espectáculos e compañías nun intento de proxectar o feito teatral cara ó novo século, coa presenza social merecida

XOSÉ LUEIRO. A ESTRADA

É posible que dentro da neolatría que invade anosa realidade social, dentro desa fascinación polo novo que afecta á cultura teatral contemporánea, esta conmemoración retrospectiva teña unha importancia maior da que puidera parecer a simple vista. Como teño sinalado semanas atrás, a celebración dos 125 anos do teatro galego representa unha excusa inmellorable para, abrir un debate sobre as políticas teatrais do futuro, e obxectivar os datos máis relevantes da nosa "memoria histriónica". Unha escusa polo demais chea de oportunidade e lexitimidade.

Sempre que falamos de Rexurdimento literario, referímonos sobre todo a un movemento poético; non obstante, o 13 de agosto de 1882, o eido da escena sumábase á recuperación da identidade cultural galega estreando no Liceo Brigantino da Coruña A fonte do xuramento, peza de teatro de Francisco de la Iglesia. Trátase dunha das primeiras representacións en galego das que se ten noticia; e que engade o xénero dramático ao intento de dignificación lingüística e literaria que tiña lugar no derradeiro terzo do século XIX. Daquela, este xénero literario presenta, polo demais, unha particularidade esencial con respecto á poesía e á prosa, porque xa existía con anterioridade un teatro galego popular, que vén desde os séculos escuros e que non ficou interrompido en ningún momento. De feito, esta dramática de corte popular só sufrirá unha especie de crise a partir de1867. Neste ano, o gobernador da Coruña publicou no Boletín da Provincia unha Real Orde de Isabel II que prohibía levar á escena pezas escritas noutra lingua que non fose o español, feito que apenas repercutiu nesta clase de teatro, o cal continuou a existir ata o século XX. En 1903 terá lugar a creación da Escola Rexional de Declamación, un dos primeiros intentos por parte do galeguismo de levar a adiante un proxecto teatral que comezará a cristalizar en tempos das irmandades e da xeración Nós. Eles serán os verdadeiros precursores dunha actividade escénica que atopará continuidade despois da Guerra Civil a mans de escritores exilidados e emigrantes. A principios dos anos 70, a Asociación Cultural Abrente, impulsará por fin a actividade escénica en Galicia; propiciando directa ou indirectamente a progresiva profesionalización das compañías e a aparición no ano 1984 da primeira compañía de teatro institucional.

¿E hoxe que? Aproveitando a inercia reinvindicativa da memoria histórica, non estaría de máis avaliar en profundidade a funcionalidade cultural, social e económica do noso teatro: A súa saúde creadora, os seus problemas laborais, a irregularidade editorial, a invisibilidade mediática... Esa parece ser a teima do Plan Galego das Artes Escénicas que a consellería acaba de avalar de cara a promover a difusión social, reforzar a estabilidade das empresas, fomentar a creatividade e promover a proxección exterior do sector. Un proxecto estruturado en eixes como o da formación e creación artística, o da integración das artes escénicas na vida comunitaria, o das industrias culturais, o dos mercados e os públicos e o da proxección exterior, que tratará de axudar a trocar a actual fisionomía das artes escénicas. Mentres tanto, a caravana conmemorativa segue de rota por 38 concellos galegos. As actividades patrocinadas pola Consellaría de Cultura e Deporte e o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem) seguen a festexar por toda a comunidade os 125 anos de vida do teatro en galego.

Coa intención de achegar a actividade escénica a públicos novos e darlle unha maior presenza social, a programación abrangue espazos non convencionais –lugares ao aire libre, hospitais, praias, lonxas...– complementándose con diversas actividades de promoción e difusión mediática. A valoración da organización reflicte, polo demais, datos esperanzadores, xa que ademais de sinalar a boa predisposición dos concellos participantes, reflicte unha asistencia media de espectadores superior ás duascentas persoas por función. As boas noticias tamén son noticia, insluso cando de teatro se trata.

A AXENDA

Hoxe venres

A xira dos 125 anos que está a percorrer diferentes vilas galegas dende o 13 de agosto pasado, e até o vindeiro 30 de setembro, levará hoxe o espectáculo García da compañía Teatro do Adro ao auditorio de Redondela ás 22.00 horas, Sempre ao lonxe de Mofa e Befa á casa de cultura de Boiro ás 21.00 horas, o espectáculo Perigo: zico, zaca, zuco buscando a mamá da compañía Zancalino á praza maior de Ponteareas ás 20.00 horas, Psicose 4.48 de Nut Teatro ao Teatro Municipal da Estrada ás 21.30 horas, e a obra O Lazariño de Tormes da compañía Teatro do Morcego á casa de cultura de Ames ás 21.00 horas.

 

Mañá, sábado

A caravana de teatreiros arribará mañá ás 12.00 horas nas rúas de Arteixo co espectáculo Pasarrúas cabareteiro da compañía Femme fatale. Ademais, a montaxe Juanito Perighro estará na casa de cultura de Boiro (21.00 hs), Unha de amor, de Artello Teatro estará na casa de cultura de Sarria (19.30 hs), O merlo Branco de Talía Teatro no auditorio de Vilalba (20.30 hs), Romeo e Xulieta de Teatro do Noroeste no pazo da cultura de Carballo (21.00 hs), García de Teatro do Adro no auditorio de Ourense (20.00 hs) e o Lazariño de Tormes, de Teatro do Morcego no auditorio de Sanxenxo (22.00 hs). Pola súa banda, a compañía Galitoon levará ao auditorio de Gondomar (22.30 hs) a peza Golulá.

 

Pasadomañá, domingo

O Forum Metropolitano da Coruña e o IES As Barxas de Moaña acollerán os espectáculos Golulá da compañía Galitoon (17.30 hs) e Do, re, mi, Mozart xoga aquí de Títeres Cachirulo (21.00 h), respectivamente. Pola súa banda, o auditorio municipal do Carballiño albergará ao longo de toda esta fin de semana a exposición Un país dende as táboas. Unha exposición que nos amosa unha visión histórica do teatro galego a través de multitude de documentos, algúns deles inéditos. Parateatralidade e teatro popular, as tentativas modernizadoras das primeiras décadas do século XX, a devastación fascista ou o movemento refundacional dos anos sesenta e setenta son algúns dos períodos que se contemplan na mostra.