Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

{ agora xa foi }

Tenente de navío Sánchez Pinzón

VICENTE ARAGUAS   | 28.08.2011 
A- A+

O 21 de agosto foi o setenta e cinco cabodano da morte, Galería de Tiro do Arsenal de Ferrol, do tenente de navío Luis Sánchez Pinzón. Oficial encargado da radiotelegrafía do cruceiro Almirante Cervera, e nesa condición, seguindo as ordes do seu comandante, o capitán de navío Juan Sandalio Sánchez Ferragut, en contacto contino coa estación-radio que a Armada tiña en Madrid, en Ciudad Lineal. A Sánchez Pinzón, portador da bandeira branca que implicaba a rendición "condicional" (as condicións asinadas serían esquecidas polo consellos de guerra que condenaron a morte a Sánchez Ferragut e Sánchez Pinzón) do Almirante Cervera, o día 21 de xullo, a historia tenlle destinado o pozo escuro da desmemoria. Da banda dos sublevados por non se ter posto do seu lado. Da dos republicanos por ese pacto entre cabaleiros (moi dubidosos quen o obviaron) que levou a Sánchez Pinzón a depoñer as armas, telegráficas no seu caso, que terían suposto unha desfeita caso de apontar os canóns do Cervera a Ferrol, tal como pretendían os resistentes máis numantinos. De Luis Sánchez Pinzón sabemos pouco. Que era de Sevilla (leo en internet, nun foro onde lle aplican a improbable idade de vinte anos). Que casara o 21 de xullo do ano anterior coa "bellísima señorita" (infórmame a hemeroteca do ABC) Pura Ros Sáez, en Cartagena, contando como testemuñas cunha pléiade de mariños. Sánchez Pinzón estaba, pois, ben enraízado na Armada. E non me custa imaxinalo en Sakuska, da Rúa Real de Ferrol, lugar onde paraba a oficialidade desta. Non teño fotos deste mariño fiel á legalidade republicana, mais podo pensar nun home elegante e con fonda vocación mariñeira. Vexo, igualmente, a súa face perplexa diante do consello de guerra que condenaba á derradeira pena a quen non máis se sometera á obediencia debida. A prensa local, informa Carlos Fernández en El alzamiento de 1936 en Galicia, dixo que diante da morte Luis Sánchez Pinzón "fue edificante y besó repetidamente el santo Crucifijo". Non consta que o pelotón, acto contino, rendise ao tenente de navío as honras que non lle foran aforradas a Antonio Azarola. Hoxe con praza en Ferrol. Para Sánchez Pinzón, cando menos, a rosa brava deste recordo.