El Correo Gallego

Portada  |   RSS - Portada RSS

"Agora todo o mundo quere ser de Angrois"

José Manuel Blanco vive a 20 metros do lugar do accidente e foi un dos primeiros en chegar ó tren // Este luns, en Radio Obradoiro, recoñecía que "che queda a dor de non poder sacalos a todos" // Confía en recuperarse da traxedia, se ben polo de agora "cada día me encontro un pouco peor" // Faille ilusión o premio Gallego del Año do Grupo Correo Gallego "porque é o periódico da miña cidade"

José Manuel Blanco, este luns en Radio Obradoiro - FOTO: RO
José Manuel Blanco, este luns en Radio Obradoiro - FOTO: RO

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

José Manuel Blanco, veciño de Angrois


SANTIAGO. RO  | 29.07.2013 
A- A+

Os veciños de Angrois tratan de recuperar pouco a pouco a súa vida habitual, se ben nunca van poder esquecer o que viron e o que viviron na tarde-noite do pasado 24 de xullo. Este luns achegábase ós estudos de Radio Obradoiro un deles. Chámase José Manuel Blanco, é condutor de autobús, e a súa casa está a 20 metros do lugar onde se produciu o descarrilamento. Contábanos José Manuel que "fun o primeiro en chegar ó vagón que estaba enriba da explanada do campo da festa. Pensei que fora unha bomba porque eu sentín unha pequena explosión e despois comprobei que o vagón saltara moitos metros".

Di que aínda hoxe lle custa asumir o ocorrido, que lle parece estar "soñando". Confía en recuperarse, se ben polo momento "cada día me encontro un pouco peor. Cando estás só venche á mente o que viviches alí". Lembra José Manuel que cando se achegou ós vagóns que estaban na vía "a xente mandábame apartar por se aquelo explotaba, porque un dos vagóns estaba ardendo". Sen embargo, engadiu, "eu quería intentar sacar o máximo de xente posible. De feito, quédache a dor de non poder sacalos a todos".

A solidariedade dos veciños de Angrois deu a volta ó mundo. José Manuel Blanco afirma que, tra-lo ocorrido, "todo o mundo quere ser de Angrois". Sobre as visitas á zona por parte de distintas autoridades, sinala que a el non lle fixeron gracia. "Non veñen cando os chamamos e foron agora para sair na foto". O que sí lle gustou foi que o Grupo Correo Gallego decidira outorgarlles un dos premios Gallegos del Año. "Que o periódico da túa cidade che dea un premio está moi ben".

Síguenos en twitter e facebook