El Correo Gallego

Portada  |   RSS - Portada RSS

Cativadas

O amor é un sombreiro que che medra na cabeza

‘O meu gato poeta enreda’ coas palabras, bótaas a rodar, retórcelles o pescozo. Como cóxegas súpetas nas plantas dos pés podemos definir este libro-disco-web ideado e escrito por Fran Alonso e musicado por Xurxo Souto. Unha proposta diferente para cativos a partir dos oito anos enchida de frescura, humor e diversión

ROMINA BAL  | 27.03.2011 
A- A+

Edicións Xerais de Galicia

FOTO: Edicións Xerais de Galicia

O mar coa súa gorxa de caramuxo asubía o vento que transporta a marea e os teus desexos. Almorzarei cereais con leite. Á merenda dareille outro enfoque. O amor, claro, é o arrecendo a melocotón.

E nós sen saber que o mundo está cheo de poesía, de animais que falan, de voces máxicas que se agochan entre as rochas que descansan devagar sobre a area. Cando neno, a visión do mundo é un continuo xogo, en cada cousiña, por pequena que sexa, apreciamos un mundo de fantasía, de divertimento sen límite. Estar en contacto con ese mundo e non perdelo axuda a potenciar a creatividade, a sermos felices. Ler, estimula os sentidos e fai que ese mundo se expanda ata o infinito.

Se nos mergullamos no universo da poesía podemos achar pedras preciosas agochadas entre as letras e expresar os nosos sentimentos dun modo case que liberador. Para coñecer a lírica, hai que rachar con esa concepción da poesía como xénero difícil e incomprensible.

Edicións Xerais de Galicia

FOTO: Edicións Xerais de Galicia

Un poema pode ter para cada un de nós un significado distinto e todas as interpretacións poden estar ben. Hoxe presentamos un libro-disco-web, unha proposta poética diferente encamiñada para que os nenos a partir dos oito anos se familiaricen e gocen da poesía. A proposta, de Xerais, non podería ser máis fresca e divertida, O meu gato é un poeta, do recoñecido Fran Alonso, é un libro que pretende transmitir a poesía dun xeito lúdico, divertido e, sobre todo, accesible para os lectores e lectoras.


Está ideado coma se fose un xogo ou un obradoiro. O meu gato é un poeta bota man da fusión de xéneros literarios a través da reflexión, da poesía visual, dos xogos de palabras, da interacción, dos caligramas, da narración, da música, das novas tecnoloxías para conseguir seducir e enganchar os máis novos.

Edicións Xerais de Galicia

FOTO: Edicións Xerais de Galicia

O libro vai acompañado dun CD que enriquece o texto grazas á mestura de distintas artes e amplía ante os lectores a súa visión da poesía, permitíndolles abordar novas dimensións e agrandar a súa percepción sensorial. A música das seis cancións do CD é de Xurxo Souto, onde a presenza do seu acordeón é máis que notable.

O meu gato é un poeta conta tamén con web propia www.gatopoeta.net. Nesta páxina o lector poderá atopar máis poemas, información sobre o libro e o disco, xogos, mp3 coa voz do autor recitando, cuestionarios con respostas, etc. Unha completa web que serve para compartir as túas impresión sobre o libro e para saber de preto os teus coñecementos sobre el.

Edicións Xerais de Galicia

FOTO: Edicións Xerais de Galicia

Unha manchea de novidades de Xerais completan a proposta anterior. Recendos de aire sonoro, de Antonio García Teijeiro é outro libro da coleccion Sopa de Letras que recolle un diálogo fascinante entre a música e a poesía. Un poemario que vai espertar nos lectores e lectoras sensacións vivas e profundas, cargadas de emoción.

En Recendos de aire sonoro as notas musicais e as palabras danse a man e camiñan xuntas polos vieiros que trazan os versos. Nos seus poemas soa o violín, treme a arpa, percute o timbal, láiase a gaita, Beethoven saúda a Bob Dylan mentres berran as guitarras de rock e a orquestra se despista. Un libro para ler cos cinco sentidos.

As dúas paixóns de Antonio García Teijeiro, a música e a poesía, establecen un diálogo fascinante neste poemario fermosamente ilustrado por Fino Lorenzo, que vai espertar nos lectores e lectoras sensacións vivas e profundas, cargadas de emoción.

Edicións Xerais de Galicia

FOTO: Edicións Xerais de Galicia

Unha opción máis novelada é Ti non xogas! unha fermosa historia sobre a convivencia, de Xurxo Gómez Silvestre e ilustrado por Anxo Fariña, un libro que fala da importancia de dedicar esforzos a traballar pola xustiza, pola paz, pola compaixón, pola solidariedade e pola amizade.


Durante unha semana enteira non parou de chover e hoxe por fin saíu un sol radiante, solleiro. Pero Suso, en vez de estar a xogar ao fútbol co resto dos rapaces, está sentado nun chanzo da escaleira do patio da escola. Está aburrido e amolado por mor de Rober.

Edicións Xerais de Galicia

FOTO: Edicións Xerais de Galicia

Noutra orde de cousas hoxe presentamos un gran libro que está de aniversario O misterio das badaladas, de Xabier P. DoCampo, o primeiro best-seller da literatura infantil galega ilustrado por Xosé Cobas foi publicado por vez primeira en 1986, cumpríndose este ano o seu 25 aniversario. Un clásico que non perde fol e permanece na vangarda como no momento no que se publicou.

No campanario da igrexa de Eiranova acaban de instalar un reloxo. Comezan a soar por primeira vez as badaladas que anunciarán a todos os habitantes que son as doce da noite. Unha, dúas, tres..., dez, once... Entón sucede algo que haberá dar nun acontecemento que só cinco rapaces resoltos e afoutados quererán pescudar até encontrar explicación para un fenómeno que a todos confunde...

A princesa Sabela, de Cornelia Funke e ilustracións de Kerstin Meyer, completa a oferta de Xerais para este mes, unhas novidades máis que potentes que enchen . A princesa Sabela é un divertido álbum ilustrado protagonizado por unha princesa moi particular. A princesa Sabela e as súas dúas irmás tiñan trinta armarios roupeiros cheos de preciosos vestidos, serventes que lles limpaban o nariz, doncelas que lles aquelaban os dormitorios… Pero Sabela, a princesa máis nova, non era feliz.

Propostas divertidas, axeitadas a cada idade e cun ronsel de aventuras que non aburren. Coleccións únicas para gozar
A experiencia de Edicións Xerais de Galicia na escolla do material axeitado a cada idade é froito da experiencia. Hai moitos anos que aposta pola literatura infantil e xuvenil en galego e mostra desa aposta é a colección Merlín. A colección Merlín, despois dos máis de douscentos títulos publicados, continúa sendo o tronco do proxeto lector de Xerais.
Organizada en catro grandes tramos (álbums do Merliño, sete, nove  e once anos en diante), abrangue todos os xéneros (conto, novela, poesía e teatro) e reúne a máis variada nómina existente de autores e autoras e ilustradores e ilustradoras galegos.
Os milleiros de lectores e de lectoras da colección, así como os premios outorgados a moitos dos seus títulos (Lazarillo, Crítica, Lista de Honra do IBBY, Lecturas Galix, Frei Martín Sarmiento, ademais do gañador da convocatoria anual do Premio Merlín, convertido tamén desde 1986 nun dos premios de maior prestixio) referendan a excelencia dunha colección considerada unanimemente como referencia
imprescindible da edición infantil de calidade.
 Na colección Sopa de Libros, organizada en primeiros lectores, catro, seis, oito, dez e doce anos, están publicados títulos de autores galegos tan exitosos como No corazón do bosque de Agustín Fernández Paz, A lagoa das nenas mudas de Fina Casalderrey, A casa da luz e O Pazo Baleiro de Xabier Puente DoCampo e tamén de tradución como Palabras de Caramelo de Gonzalo Moure.
Na páxina web www.xerais.es podemos atopar os catálogos completos que compoñen as coleccións máis representativas da editorial, xunto cunha breve recensión da obra, así como descubrir os plans lectores cos que conta. Este contido está permanentemente actualizado e as novidades editoriais tamén se poden seguir a través do seu  blog http://xerais.blogaliza.org/, en facebook e no Twitter.