Miércoles 22.02.2012
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Rubén Cela, esta mañá en Radio Obradoiro FOTO: RO |
Rubén Cela estivo este mércores en Radio Obradoiro para falar, entre outros asuntos, da necesidade de que a Xunta reconduza a promoción do Camiño de Santiago. O portavoz do BNG en Raxoi considera moi significativa a demisión de Camino Triguero como xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo porque "creía que se estaba levando a cabo unha política errada ó respecto".
O concelleiro insiste en que o Camiño "non é un xeodestino máis. Galicia ten un enorme potencial turístico, e o goberno galego ten a obriga de poñelo en valor. Sen embargo, é indiscutible que a maior porta de entrada a Galicia é o Camiño de Santiago e Compostela". Cela ten claro que "promocionar o Camiño é promocionar Galicia", algo que, ó seu xuízo, a Xunta non acaba de entender. O edil aboga por levar a cabo "unha estratexia continuada e coherente, porque o Camiño ten un enorme potencial fora dos anos santos".
Por outra banda, Cela falou da recente remodelación das liñas de transporte urbano. Cre que era precisa "porque a planificación da rede que estaba en vigor tiña máis dunha década, un período no que a cidade cambiou moito". Malia todo, pensa que hai cousas mellorables. Entre elas sinalou a necesidade de aumentar as frecuencias, unha vez que se ampliou o percorrido das liñas. O concelleiro nacionalista dixo que está pendente "unha reforma máis estructural, así como a mellora da conectividade entre o centro urbano e o rural, tal e como prometeu o PP durante a campaña electoral".
O portavoz nacionalista en Santiago tamén se pronunciou sobre a situación do BNG, logo de que o Encontro Irmandiño ameazara con sairse do partido. Logo de sinalar que "as feridas non cicatrizan dun día para outro", quixo deixar claro que "no BNG temos acollida tódolos nacionalistas". Segundo Cela, "o máis beneficioso é que ninguén marche, porque no Bloque non sobra ninguén, temos que sumar e non restar". Iso sí, engadiu que "ninguén ten que estar obrigado nun sitio onde non quere estar". A respecto da designación de Ana Pontón como substituta de Carlos Aymerich á fronte da portavocía parlamentaria do BNG, referiuse a ela como "unha das persoas con máis futuro no Bloque".
