Ferido un motorista ó tratar de evitar unha colisión cun turismo en Ourense
10.03.2010
Un motorista de 22 anos de idade e veciño de Ourense resultou ferido nun accidente de tráfico que sufriu a pasada noite ó tratar de esquivar un turismo que saía dun estacionamento na cidade.
Segundo informou hoxe a Policía Local de Ourense, os feitos producíronse ás 23.37 horas de onte á altura do número 19 da rúa Emilia Pardo Bazán.
O motorista, A.R.N., que conducía unha Yamaha, circulaba por esta zona da capital ourensá en dirección á rúa Pena Trevinca cando tivo que realizar unha manobra evasiva para evitar chocar cun turismo, un Volkswagen Golf que saía dun estacionamento.
Como consecuencia da manobra, o novo motorista caeu ó chan e resultou ferido, polo que foi trasladado por unha ambulancia do 061 ó Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU).