El Correo Gallego

Portada  |   RSS - Portada RSS

Hermanager humor. Por Xosé Manuel Fernández

XOSÉ MANUEL FERNÁNDEZ  | 24.04.2011 
A- A+

ACTUALIDADE

A SEMANA SANTA
•Os que van orando ao final das procesións de Semana Santa son “rezagados”.

•O colmo dun cristián en Semana Santa: chamarse Domingo Ramos, ser moi pasional, ter tendencias masoquistas e levar a procesión por dentro.

•Deteñen un traficante de estupefacientes na Procesión das Dores de Viveiro. Disque andaba distribuíndo analxésicos.

•As confrarías de homes que deciden fuxir dos praceres da carne e practican a abstinencia en Semana Santa, ¿están facendo “penetencia”?

•Contan que o crego de Vaicheboa, coñecido pola súa sorna foise de vacacións en Semana Santa e puxo un cartel na Igrexa que rezaba así: “Pechado por defunción do fillo do xefe”.

•A procesión de Semana Santa máis coñecida da Costa da Morte é a do “Cee Homo”.

FRASELOXÍA NACIONAL POPULAR

‘Onde non chega manda recado’
Esta frase, supoño que pouco coñecida entre as novas xeracións, aplícase a aquelas persoas que non saben gardar un segredo. Seguro que todos coñecemos a alguén que se dedica a espallar indiscriminadamente todo canto sabe importándolle pouco ou nada se a información é reservada. Ese tipo de persoa ten unha inquietude xenética que lle impide oír e calar. Non pode descubrir algo alleo á súa vida e mantelo gardado en segredo, se o fixese rebentaría. Daquela, o corpo pídelle desprenderse desa información que afecta á esfera persoal dos demais e facela correr todo canto poda. Canta máis xente se entere, mellor.  E velaquí a retranca da frase de hoxe. Dáse a entender que o vicio do murmurador é tal que se non pode facer chegar a información alí onde quere polos seus propios medios non terá reparo ningún en empregar mediadores para difundila.

CHISTES PARA TWITTER E FACEBOOK

Semana Santa
-Este ano non vou celebrar a Semana Santa. Non ando moi católico...

-O Concello de Ferrol acaba de presentar o libro: “Coñeza as procesións paso a paso”.

-Son un experto en amolar aos demais, por iso pertenzo á “Confraría da Miserincordia”.

-Son Cristian, non cristián, me cago en  Dior !!

-Xesús, faime caso e vai pola autovía. Se vas pola Vía Crucis crávante!!

-Chámome Dores e busco capuchino quente para pasar o venres de paixón na procesión do “Santo Encontro”.

-Se tes disfunción eréctil proba viagra ou prega a Deus para que o domingo teñas unha  “resurrección”.

CURIOSIDADES

Ola amig@s!
Velaquí outra perla desas que me gusta compartir con todos vós nesta sección. Unha pintada exhortativa feita con rotulador e a dúas cores nunha porta con caixa de correo incorporada. O autor, interpreto que con certo xenio, aconséllanos tirar co móbil e mandar máis cartas. É posible que quede aínda xente con morriña das misivas, do correo convencional, da correspondencia epistolar? A verdade é que hoxendía o teléfono móbil e o e-mail están eclipsando, e de que maneira, ao correo postal de toda a vida. Agora, o normal e que só cheguen á nosa caixa de correo facturas e propaganda, e residualmente algunha postal ou felicitación de Nadal. Pero os tempos mudan, e a comodidade da chamada de móbil, o uso do facebook ou o e-mail están erradicando o fermoso e detallista costume de escribir cartas. Relatos escritos a man cos que transmitiamos os nosos sentimentos máis íntimos ou cos que nos recreabamos facendo debuxos ou caralladas varias a xeito de “collage” para provocar o sorriso do receptor.
 Que tempos aqueles!! Supoño que non volverán, pero aínda que resulte exótico deberiamos facer caso a esta mensaxe en forma de pintada e escribir (para mandar despois) máis cartas. Como ben dixo, penso que José Saramago, unha bágoa nunca mollará un e-mail... Aí queda iso!!  hermanagerproducciones@gmail.com