Portada  |   RSS - Portada RSS

A FESTA PAGÁ // o último alento

Máis alá da tradición

Milleiros de persoas acudiron onte a presenciar na Estrada o Encontro de Xenerais e Correos, un dos actos máis espectaculares do entroido galego

MARÉ . SANTIAGO   | 17.02.2010 
A- A+

Sangiao
A Estrada celebrou onte un dos máis espectaculares desfiles que tiveron lugar en Galicia na despedida do entroido
FOTO: Sangiao

Milleiros de persoas encheron onte as rúas da Estrada no día grande do Entroido, que veñen protagonizando dende hai anos os veciños do rural, co tradicional Encontro de Xenerais e Correos, como plato forte. Máis dunha ducia de xinetes de Santeles encabezaron o percorrido de comparsas, esmorgas, carrozas e coros, que desfilaron ata a praza da Feira, o novo escenario desta emblemática tradición.

A gripe A, persoeiros do mundo rosa coma Julián Muñoz e Pantoja, a carroza do Trilingüismo ou referencias á actualidade local (como o polémico PXOM), encheron de cor e humor as rúas da vila, cun desfile no que participaron veciños de nove parroquias. Antes do agardado combate dialéctico, non faltaron os pícaros cánticos dos coros, regueifas, o discurso dos mouros, a fallida voda da Pantoja, e ata unha beizón apostólica.

O conflito do idioma, a chegada da autovía, ou as trifulcas políticas do momento foron protagonistas das coplas, no asalto do exército de Santeles, que se estreaba levando a tradición do entroido do Ulla á capital do concello estradense, un dos destacamentos onde o rito dos centinelas, xenerais e correos, cos seus "vivas" e as arengas retranqueiras é un dos principais reclamos.

No denominado Triángulo Máxico do entroido, na provincia de Ourense, o gran desfile da xornada tivo lugar en Xinzo de Limia, onde arredor de dez mil persoas se reuniron para asistir á última parada dun ciclo que hoxe conclúe coa Queima da sardiña. Outro gran desfile de comparsas tivo lugar en Verín, con concentración de carrozas, comparsas, máscaras e cigarróns, as figuras típicas do entroido verinés.

O entroido máis tradicional de Costa da Morte volveu alagar de maxia e moita retranca a vila de Fisterra, onde cinco comparsas, con coloridos e imaxinativos traxes de gala, deron un bo repaso á actualidade política, social e económica do municipio, con acedas e irónicas coplas, nas que non faltou a reivindicación do fin do Camiño ou o conflito lingüístico do Borrador do galego.

PERSPECTIVAS

Apoteose compostelá

Máis 1.200 persoas participaron no desfile que onte percorreu as rúas de Compostela nunha espectacular comitiva. No desfile participaron comparsas e carrozas de diversos concellos de Galicia como Muros, Sanxenxo, Negreira, Visantoña (Santiso), Pontecesures, ademais das tradicionais comparsas de varios barrios da cidade: A Ruliña de Laraño, Os Conformistas de Conxo e Os Garanduxos. Estas tres comparsas recibiron a semana pasada unha distinción por parte da Concellaría de Festas pola súa colaboración activa e continuada no Entroido compostelán desde hai máis de 20 anos. Tamén participou unha agrupación do centro sociocultural Carlos Maside de Santiago, cun espectáculo titulado Conto de fantasía.