Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Martes 02.09.2014  | Actualizado 02.22 Hemeroteca web  |  RSS   RSS

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

Quince áreas recreativas de a carón do río Ulla: Desde a ponte Remesquide a Padrón

M. DE BRAN  | 19.03.2012 
A- A+

As áreas recreativas das beiras dos ríos son as mellores para gozar da natureza. E delas vou falar. Pero só das que están a carón do Ulla desde a ponte Remesquide a Padrón. Neste treito do río non hai encoros, que a xente chama pantanos, e as súas ribeiras mantéñense fermosas e cheas de vida. Máis arriba, na parroquia de San Salvador de Portodemouros, hai o encoro de igual nome, que funciona desde 1968 e que, tristemente, desde hai pouco, ten dous compañeiros concedidos por Fraga: Brandariz I, na parroquia de San Tomé de Insua, e Ollares, na parroquia de Santa María de Ollares. Son tres parroquias seguidas no río, citadas de arriba abaixo, do concello de Vila de Cruces e provincia de Pontevedra


O nome Brandariz non existe en San Tomé de Insua. É o da parroquia de San Miguel de Brandariz, tamén do concello de Vila de Cruces, que queda abaixo da ponte Basebe. Nesta parroquia, entre ela e a de Novefontes, a empresa que fixo o Brandariz I contaba facer o Brandariz II, que foi anulado polo Goberno de Touriño. Por esta anulación salváronse fermosísimas ribeiras, cheas de bosques con árbores do país, das parroquias de Brandariz, Piloño e Salgueiros, de Pontevedra; e Novefontes, Cornado, Calvos de Socamiño, Circes e Turces, da Coruña. Foi o triunfo dos amantes da natureza, sen a que non se pode vivir, contra os que non teñen máis sentimento que para os cartos.

O feito de que antes case non houbese encoros no Ulla quizais se debese a que é un río sagrado para os galegos. Por el entrou, e despois polo seu afluente o Sar, a nave na que viña o cadáver do apóstolo Santiago, cristianizador de Galicia e do resto de España, traído polos seus discípulos desde Palestina a Padrón. Na igrexa parroquial de Santiago de Padrón, que ten a cabeceira lindando co río Sar, nunha cavidade de debaixo do altar maior está o pedrón (de onde ven a palabra Padrón) ó que foi amarrada a nave que traía o corpo do Apóstolo.

Unha descrición breve do río Ulla, que fala da vida del coma se fose a dunha persoa, é a que fan uns versos de medida e rima irregulares que recollín na Pontevea de boca do pobo: “O Ulla é un río moi remaulón. / Nace en Antas de Ulla, / xanta na Pontevea / e vai durmir a Padrón”. Ser remaulón é “ser pousón, lento”, o que lle pode parecer así á xente do curso medio e baixo do río, onde están as quince áreas recreativas, pois nestes dous treitos ten pouca pendente (0,32%), dá grandes voltas (sobre todo desde a ponte Basebe á Ledesma, entre as que está a Remesquide) e baixa facendo longos e fondos pozos. Pero no seu curso alto a pendente é maior. Nalgún treito ten o 3,3%. Así que nuns sitios corre máis e noutros menos. En todo caso, se nun só día (como dan a entender os citados versos) percorre 132 quilómetros, que é a lonxitude que lle botan os xeógrafos galegos, tócalle andar a uns 5,5 quilómetros por hora. O que xa non é tan pouco.

Despois de lle chamar “remaulón”, os ditos versos din que o río nace en Antas de Ulla. E certamente a tradición é que nace da confluencia de varios regueiros na comarca da Ulloa, formada por tres concellos lucenses: Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei. Pero no Dicionario xeográfico ilustrado de Galicia (obra publicada no 2009 en 28 volumes) afírmase, sen argumentos, que nace en Santo Estevo de Ansar (concello de Taboada), parroquia lindante con Antas de Ulla. De todos xeitos, esta variación no lugar de nacemento sería mínima. A maior dificultade está en interpretar o que din os dous últimos versos: que o río xanta na Pontevea / e vai durmir a Padrón. Para mellor entendelos, cómpre dar algunha explicación.

En galego chámase xantar a comida do mediodía, ou de tempo próximo a el. Pero a palabra mediodía referida a unha vida significa que se está na metade dela. Así que se o Ulla xantase na Pontevea, alí levaría andados 66 quilómetros (díxose antes que ten 132 de lonxitude) e faltaríanlle por andar outros 66 para ir durmir a Padrón. Por outra parte, está claro o que quere dicir a palabra durmir referida a un río. Significa “desembocar”, “acabarse”, “morrer”. Vese tamén nestes famosos versos do poeta castelán do século XV Jorge Manrique, que compara a vida humana coa dos ríos: Nuestras vidas son los ríos / que van dar a la mar, / que es el morir. Pois ben, como da Pontevea a Padrón só hai 13 quilómetros, parece evidente que o Ulla ten que xantar antes da Pontevea e durmir despois de Padrón. Os nosos xeógrafos din que o río desemboca na ría de Arousa entre a parroquia de santa María de Isorna (Rianxo) e a de Santa Baia de Oeste (Catoira). Pero aínda que así se acepte, non hai 66 quilómetros desde a Pontevea a este punto. Desde ela, contados polo contaquilómetros do meu coche, hai ata a igrexa de Catoira, parroquia que aínda está despois de Oeste, 25.

De todos xeitos, o que di o pobo, sexa serio ou humorístico, sempre merece respecto, porque se transmite de xeración en xeración, e nunca se pode xulgar á lixeira. En canto ó que din os da Pontevea que o Ulla xanta alí, penso que se debe á admiración e amor que lle teñen ó seu río. Porque aínda que este lugar da parroquia de San Cristovo de Reis se chama Pontevea, a ponte está sobre o Ulla, e non sobre o afluente del, o Vea, que desemboca alí cerca. E en canto a dicir que o río vai durmir a Padrón, non é ningún disparate, sobre todo desde que se xunta o Sar con el na área recreativa de Iria Flavia (parroquia do concello de Padrón). Desde este punto (e xa desde antes) o Ulla é navegable, entran e saen por el as mareas e ten nas súas beiras extensas marismas (en Padrón chamadas brañas), polo que lle resulta difícil á xente do común, ós que non son especialistas en xeografía, sinalar o sitio onde o río dorme, porque xa é mar.

Como vou falar das áreas recreativas que hai nos dous lados do Ulla desde a ponte Remesquide a Padrón, cómpre saber que este divide a provincia da Coruña (ó seu lado dereito) da de Pontevedra (ó esquerdo) desde o concello de Palas de Rei. Pero no treito das quince áreas recreativas hai tres parroquias da provincia da Coruña que teñen unha aldea cada unha no outro lado do río. As parroquias son: A ponte Ulla, Carcacía e Herbón. E as aldeas: Gundián, Bandín e Morono, respectivamente. Non sei o porqué desta rareza (nin se hai máis) e gustaríame sabelo. Ten que ser cousa que vén de moi vello. O que si sei é que Bandín, eclesiasticamente (ou sexa, só no relixioso) xa hai anos que non é de Carcacía, senón de San Miguel de Barcala. E pasouse a esta parroquia porque como entre Bandín e Carcacía non había máis paso ca por barca, cando non se podía pasar nesta por encher moito o río teñen estado cun cadáver ata tres días sen o poder ir enterrar. Pero no civil, Bandín segue sendo de onde era.

Para que a miña exposición sobre as ditas áreras recreativas sexa clara, ordenada e facilite a súa localización, comezarei polas do lado dereito do Ulla (as da provincia da Coruña) e continuarei polas do esquerdo (as da provincia de Pontevedra), sempre seguindo a corrente do río. Ademais numerareinas do 1 ó 15. Desde a ponte Remesquide a Padrón citarei todos os concellos, e todas as parroquias deles que neste treito están a carón do Ulla, teñan áreas recreativas ou non. As que as teñen escribireinas en tipo distinto de letra, para que se vexa cáles son, ónde están e entre qué outras parroquias. Como din os nosos xeógrafos, é imposible facer xeografía de Galicia sen citar as parroquias, que son unidades territoriais, sociais e relixiosas antiquísimas, na maioría dos casos continuadoras dos castros. Sábeno ben investigadores como Xosé Fariña Jamardo, que xa en 1972 se doutorou na Universidade Complutense de Madrid coa documentada e extensa tese A parroquia rural en Galicia, publicada en galego en 1996 pola EGAP (Escola Galega de Administración Pública).

No lado dereito do Ulla, desde a ponte Remesquide a Padrón, hai cinco concellos e dezasete parroquias a carón del. Os concellos, seguidos das súas parroquias entre parénteses, son: Touro (San Pedro de Ribeira, San Breixo de Foxás e Santa María de Bendaña), Boqueixón (San Salvador de Ledesma, Santa Mariña de Sucira e San Pedro de Donas), Vedra (Santa María Madanela da Ponte Ulla, Santa Cruz de Ribadulla, San Mamede de Ribadulla, San Miguel de Sarandón, San Pedro de Sarandón e Santo André de Trobe), Teo (Santa María de Teo e San Cristovo de Reis) e Padrón (San Pedro de Carcacía, Santa María de Herbón e Santa María de Iria Flavia). E no lado esquerdo hai catro concellos e dezaseis parroquias, que son: Vila de Cruces (San Tomé da Obra, San Pedro de Añobre, San Salvador de Camanzo e Santiago de Gres), Silleda (Santa Baia de Cira), A Estrada (San Miguel de Castro, San Xiao de Arnois, San Vicenzo de Berres, Santa Mariña de Ribeira, Santa María de Paradela, San Xoán de Santeles, San Miguel de Cora, Santa María de Couso, San Miguel de Barcala e Santa Mariña de Barcala) e Pontecesures (que ten unha soa parroquia de igual nome e de patrón San Xulián).

 

Áreas recreativas do lado dereito do Ulla
1. Área recreativa de Remesquide
2. Área recreativa  do souto da Barca
3. Área recreativa de Sucira
4. Área recreativa de Agronovo
5. Área recreativa da Xogueira
6. Área recreativa de Covelas
7. Área recreativa da Burga de Xermeade
8. Área recreativa do Xirimbao e do couto de Couso
9. Área recreativa do Areeiro
10. Área recreativa de Iria Flavia

Áreas recretivas do lado esquerdo do río
11. Área recreativa da Insua de Remesquide
12. Área recreativa das Insuas
13. Área recreativa de Gundián
14. Área recreativa do Areal
15. Área recretiva de Paradela

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorreogallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS