El Correo Gallego

Santiago » Barrios

Julio González Martínez (O Artilleiro): “Somos a tenda do olvido”

Julio González Martínez leva as rendas do Artilleiro, en Vista Alegre, desde hai máis dun cuarto de século - FOTO: G.L.O.
Julio González Martínez leva as rendas do Artilleiro, en Vista Alegre, desde hai máis dun cuarto de século - FOTO: G.L.O.

ELVA OTERO  | 18.11.2016 
A- A+

Un par de mesas flanquean a porta do Artilleiro, en Vista Alegre 44. Sosteñen caixas de repolos, coliflores e porros. Cruzar a súa porta é coma meterse nunha manchea de tendas dunha soa vez. Cirios, chubasqueiros, kits de costura, lambetadas, chourizos caseiros e até artigos de droguería comparten as estanterías que colgan das paredes. A imaxe dunha virxe vixía aos clientes detrás do mostrador. Xa hai tempo que Julio González Martínez, de 74 anos, deixou atrás a idade de xubilación. Pero segue detrás do mostrador, facendo quendas coa súa nora. “Prefiro manterme activo e non caer na rutina. Traballar é o único xeito de estar esperto e non facerse vello”, xustifica. Botar horas e horas no establecemento é o segredo da súa supervivencia. Funciona de 08.30 a 21.30 horas de luns a sábado. Os domingos e os festivos súmase ás aperturas especiais das grandes superficies.

“Desde hai algúns meses os que nos están a facer moito dano son os supermercados das gasolineiras (algunhas con servizo as 24 todos os días da semana). É o mesmo que se eu me poño a vender combustible ou a farmacia comercializa artigos dos ultramarinos”, critica restando importancia á competencia das grandes superficies.

O Artilleiro estreouse hai máis dun século como hostal en Vista Alegre 46. Os avós da muller de Julio fundaron un establecemento mixto dos que xa poucos quedan: aloxamento, bar e produtos de alimentación. O negocio foi medrando e o ultramarinos trasladouse a un baixo anexo, un par de números máis abaixo. Cando a súa parella faleceu, o até daquela fontaneiro do sector metalúrxico colleu as rendas da tenda. Leva xa 25 anos detrás do mostrador. “Como o local é teu, aguantas. Se tivera que pagar un alugueiro de 300 ou 400 euros, xa estaría pechado”, advirte.

Coa crise, a clientela é a mesma pero a compra non. Antes levaban kilos de froita e agora teñen que conformarse cunhas pezas”, engade. A maioría dos que se achegan até a tenda son veciños do barrio, pero tamén vai xente doutros puntos da cidade e incluso algún turista. Cando vén frío, o seu forte son as carnes salgadas para facer cocido ou pratos de culler. Tamén funciona moito como recurso de última hora, para resolver urxencias ao pé da casa ou fóra do horario comercial estándar. “Os ultramarinos somos a tenda do olvido”, bromea.

O desembarco nas cidades das cadeas de supermercados obrigaron ás tendas de barrio a reconvertirse. “Empezamos a vender un pouco de todo. Tiñas que transformarte para sobrevivir”, lembra. “Tiñas clientela fixa. Fiabas aos veciños e ías anotando mes a mes o que mercaban. Viñan pagar cando cobraban o salario. O carriño da compra cargábase na tenda do barrio. Todo iso desapareceu”, lamenta.

Confianza, familiaridade, cercanía e atención persoal. Iso é o que mantén en pé moitos negocios coma O Artilleiro. “Somos coma unha gran familia. En fin de ano e Noiteboa non é a primeira vez que me timbra algún veciño porque esqueceu algo”, relata. Julio seguirá ao fronte da tenda mentres a saúde llelo permita. “¿O futuro? Negro non, véxoo azul escuro. A xente nova non está preparada para traballar con esta intensidade”, sentencia. Pero os ultramarinos non morrerán. “O modelo vai seguir funcionado, sempre e cando o cliente teña o que quere”, zanxa.