El Correo Gallego

Santiago » Barrios

Peonalización non

Achacan á desaparición dos coches o baixón das vendas, que nalgún caso cifran nun 50% // Esixen que as áreas de residentes se habiliten para uso xeral durante o día // Queren máis espazos para carga e descarga e horarios axustados aos negocios

Carmen Cives Nieto, do estanco, leva 55 anos na rúa de San Pedro e desaproba a peonalización - FOTO: G.L.O.
Carmen Cives Nieto, do estanco, leva 55 anos na rúa de San Pedro e desaproba a peonalización - FOTO: G.L.O.

ELVA OTERO  | 14.11.2016 
A- A+

“A xente vén moito menos. Aguantamos o verán grazas aos turistas. Pero agora que hai menos peregrinos, pasamos tardes enteiras sen ningún movemento”, critica Carmen Cives Nieto, do estanco. Leva 55 anos en San Pedro e lembra con nostalxia os tempos nos que había dous carrís de circulación. Segundo conta, facía máis caixa cando os clientes tiñan prazas de aparcamento na zona. “Non estou dacordo en que os coches permanezan todo o día no mesmo sitio, pero fannos moita falta”, advirte. “Para que queremos unha beirarrúa con tanto espazo? Hai parques suficientes para pasear”, denuncia. “Agora temos esta zona totalmente paralizada”, engade. Na mesma liña que outros comerciantes, avoga que se recupere a liña seis de transporte urbano que une Os Tilos con San Marcos. Ao seu xuízo, a supresión do servizo provocou un baixón de público e repercutiu negativamente nos negocios. Para Carmen, San Pedro tería que regresar tres anos atrás e recuperar o tráfico para ser de novo rendible. “Todos temos que aguantar un pouquiño e saber sufrir”, recalca.

Se queren rúas pantasma, están a conseguilo. Están a encher os centros comerciais e acaban co pequeno comercio”, critica Mª Carmen Fuentes, dunha panadería que leva oito anos na rúa. “A zona de residentes está baleira durante o día (só se emprega de noite) e tiña que abrirse ao uso xeral para que o barrio tivera un área para aparcar”, suxire. Quéixase tamén de que os catro postos habilitados para carga e descarga resultan “insuficientes”. “Teñen que deixar a mercancía entre as sete da mañá e ás 10.30 horas. A maoiría non abrimos até as 9 ou incluso as 10, co cal non teñen marxe”, denuncia. “Levo tres anos dicindo que non estou dacordo coa peonalización e aquí temos o resultado: unha rúa deserta”, continúa. “Houbo toda a vida sitio para aparcar e tiña un movemento enorme”, apontoa.

Dunha froitería que se inaugurou o pasado febreiro, Neia Parroncke cifra o declive das vendas nun 50%. “Os turistas salvaron o mes, pero desde que se foron as cousas non van tan ben. A xente do barrio non é suficiente para manter un negocio”, sostén. “Cando a liña 6 pasaba por aquí, paraba moita máis xente a comprar. Agora non temos nin iso”, lamenta. Ademais de recuperar esta ruta do transporte urbano, insiste na necesidade de buscar algunha solución para que os clientes poidan estacionar o seu vehículo na contorna.

Os mesmos argumentos defende Mª Carmen Quintela, dun establecemento de roupa. Segundo di, a desaparición de San Pedro do percorrido da liña seis pasoulle factura. “Antes viñan a mercar aquí moitos veciños de Amio e San Lázaro. Agora collen o autobús enfronte da Praza de Abastos e, aínda que non é moi lonxe, non se achegan”, conta. No seu caso, nin sequera a elevada afluencia de peregrinos deixa pegada. “Anos atrás, os que viñan facendo o Camiño deixaban a roupa vella aquí tirada e íanse coa nova posta. Iso xa non pasa”, lamenta. “Nós coa peonalización, fumos a peor”, asevera.

Hai tamén quen se abstén de posicionarse. “A min dame igual. Traballo exactamente o mesmo ca antes”, comenta María García, dunha tenda de alimentación que xa cumpriu dez anos. “A etapa máis dura foi a das obras, ademais dúas veces seguidas. Desde que abriron as grandes superficies e quedou morto o Preguntoiro, as vendas foron a menos. Iso non ten nada que ver coa peonalización”, engade. Con récords de peregrinos, o verán funcionou moi ben para o comercio, pero “até a vindeira primavera, apagouse a luz”, lamenta.