El Correo Gallego

Santiago » Barrios

San Pedro: aumenta a fenda entre os veciños catro meses despois do veto aos coches

Levan anos enfrontados, pero o modelo semipeonil que se instauraba o pasado xullo veu empeorar as cousas // Todos coinciden na necesidade de recuperar a liña seis de transporte urbano // O lector de matrículas do Concello poñerase en marcha antes de que remate o ano

Un camión de reparto descargando mercancía na entrada da rúa de San Pedro - FOTO: G.L.O.
Ver galería
Un camión de reparto descargando mercancía na entrada da rúa de San Pedro - FOTO: G.L.O.

ELVA OTERO  | 14.11.2016 
A- A+

Pouco menos de 400 metros separan Porta do Camiño do Cruceiro de San Pedro. É un treito demasiado curto para pensar en leas, pero hainas. A peonalización mantén o barrio partido en dous desde anos atrás, pero a fenda fíxose máis profunda desde que, o pasado xullo, Raxoi decidiu restrinxir o tráfico. O ambiente está caldeado e simplemente con mencionar o asunto acéndese o debate. Os que se opoñen dan a cara e critican tanto ao Concello coma aos veciños que opinan o contrario (aínda que só fora en parte gañaron a loita). Eles avogan por que todo sexa coma antes: con menos beirarrúa, prazas para aparcar e moito tráfico. Escarmentados por represalias do pasado, os que defenden unha rúa sen coches teñen que facelo coa boca pequena e algúns incluso piden a elcorreogallego.es manterse no anonimato. No que si coinciden todos é en rachar co modelo semipeonil que se instaurou hai xa catro meses e coinciden na necesidade de recuperar o antigo percorrido da liña seis de transporte urbano.

A polémica vén de lonxe. As sucesivas reurbanizacións obrigaron a poñer o tema enriba da mesa, pero foi quizais na última intervención cando se abordou con máis intensidade. A rúa reabría no verán de 2014 despois dun longo ano de obras. Á vista de que estivera á marxe do mapa de tráfico durante tanto tempo, chegouse a promover unha campaña en internet a favor da peonalización: recolleu máis de 1.500 sinaturas. De pouco serviu. Con beirarrúas máis amplas e unha calzada máis estreita, o tráfico volveu invadir o último tramo do Camiño Francés. A guerra quedou silenciada até que mudou o equipo de goberno en Raxoi.

Despois das festas do barrio, o pasado mes de xullo dicía adeus aos coches. Pero só a medias. Desde entón só acceden os vehículos de carga e descarga, residentes e a liña 11 de transporte urbano. Polo de agora, o Concello fixo a vista gorda e non multou aos que cruzaban a rúa sen autorización. Pero iso cambiará dentro de pouco. O goberno local mercará con cargo a remanentes un lector de matrículas que tería que entrar en funcionamento “antes do 31 de decembro”, explican fontes municipais.