El Correo Gallego

Santiago » Barrios

Silvia Méndez (Algalia): “Queriamos montar algo que conxugara o tradicional co moderno”

O Ultramarinos Algalia abriu na rúa do mesmo nome hai só un mes
O Ultramarinos Algalia abriu na rúa do mesmo nome hai só un mes

E.OTERO  | 18.11.2016 
A- A+

O de Silvia Méndez e Beatriz Álvarez é un dos ultramarinos máis novos de Compostela. Situado na Algalia de Arriba 22, leva tan só un mes en funcionamento. “Queriamos montar algo que conxugara o tradicional co moderno”, contan. Ambas veciñas da zona vella, coñecéronse porque os seus fillos comparten colexio. A primeira estudou Filosofía e tiña unha galería de arte, pero o de montar unha tenda deste tipo sempre lle rondou a cabeza. Beatriz é licenciada en Dereito e viu no proxecto unha oportunidade de facer algo propio.

“Estamos a poñer moito esforzo en buscar productos locais a bo prezo e, á hora de escoller, priorizamos as cooperativas. Non podemos competir co súper en volumen de compra, pero si en calidade”, argumentan.

A resposta do barrio non podía ser mellor. “Aos veciños vailles moi ben ter unha tenda tan preto da casa. Segundo nos contan, anos atrás nesta rúa había até cinco ultramarinos. Ao final só se trata de cambiar un pouco os costumes”, defenden. “Ofrecemos a garantía de que o noso é sempre produto fresco, de que temos calidade”, enganden.

Nos apenas 15 metros cadrados do local hai desde ovos ecolóxicos, queixos, verduras e froitas até latas de conservas ou envases de leite galegos. “Do que se trata é de recuperar a idea de potenciar a economía local”, xustifican. O horario ampliado é outra das súas virtudes: de luns a venres abre de 9.30 a 15 horas, e de 17 a 21; os sábados e os domingos, de 11 a 15 horas.