El Correo Gallego

Santiago » Barrios

Ultramarinos, o ti a ti mantén en pé as tendas de barrio

Aínda que a maioría desapareceron do rueiro, algunhas lograron sobrevivir grazas a que souberon adaptarse aos novos tempos // Cepeda, en Cervantes, e O Artilleiro, en Vista Alegre, levan máis dun século enchendo a despensa dos composteláns // Alimentación Mari Carmen cumpriu catro décadas nos Basquiños e na Algalia de Arriba acaba de abrir as súas portas outro negocio de pequeno formato

Viños, conservas, queixos, galletas... Os ultramarinos de toda a vida atesouran produtos de todo tipo - FOTO: G.L.O.
Viños, conservas, queixos, galletas... Os ultramarinos de toda a vida atesouran produtos de todo tipo - FOTO: G.L.O.

ELVA OTERO  | 18.11.2016 
A- A+

A Compostela xa lle quedan poucos escaparates nostálxicos. Aquelas vitrinas con tesouros gastronómicos en pilas foron desaparecendo a medida que as grandes cadeas de supermercados se espallaban polo rueiro. Os que resisten miran cara o pasado con morriña, pero saben que teñen futuro se son capaces de sacar xugo aos seus puntos fortes: trato persoal, confianza e produto de primeira calidade. O comercio de proximidade tamén ten o seu público e cada vez son máis os que enchen a despensa con conciencia. Falamos con algúns destes superviventes e foron elocuentes: eles saben mellor que ninguén que as compras con nome nunca morren.

O de Cepeda é un dos ultramarinos máis antigos de Santiago. Abriu en 1888. O negocio empezou a ir a menos cando a zona vella se fixo peonil, a principios dos 90. “Cando quitaron o tráfico perdemos moita clientela. Facemos envíos a domicilio, pero xa non é mesmo”, lamenta José Luis. Pouco despois chegaron as cadeas de supermercados e os ultramarinos convertíronse nunha especie en perigo de extinción.

Un par de mesas flanquean a porta do Artilleiro, en Vista Alegre 44. Sosteñen caixas de repolos, coliflores e porros. Cruzar a súa porta é coma meterse nunha manchea de tendas dunha soa vez. Cirios, chubasqueiros, kits de costura, lambetadas, chourizos caseiros e até artigos de droguería comparten as estanterías que colgan das paredes.

Para Chus Garaboa o ultramarinos foi unha saída laboral. Tiña experiencia comercial porque rexentaba unha tenda de roupa e cando os propietarios de Alimentación Mari Carmen (Basquiños 50) a convidaron a quedar como arrendataria do seu negocio trala xubilación non o dubidou. Xa pasaron dous anos desde aquela. “Vainos moi ben. O noso forte é o ti a ti. As grandes áreas son moito máis frías”, defende.

O de Silvia Méndez e Beatriz Álvarez é un dos ultramarinos máis novos de Compostela. Situado na Algalia de Arriba 22, leva tan só un mes en funcionamento. “Queriamos montar algo que conxugara o tradicional co moderno”, contan.