El Correo Gallego

Noticia 88 de 179 noticia anterior de Capitalidade Santiago Santiago » Capitalidade Santiago

apóstolo 2015

A Catedral cedeulle o protagonismo a Raxoi e foi espectadora de luxo duns fogos sorprendentes

O público encheu a praza do Obradorio e disfrutou dun espectáculo con menos pólvora que outros anos e con máis musicalidade visual // As gaitas, o Camiño e a Cidade Patrimonio foron parte do fío argumental do relato sonoro e de luz

Os fogos de artificio foron lanzados de detrás do pazo de Raxoi, e os espectadores viron un espectáculo que integrou toda a praza do Obradoiro - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ
Ver galería
Os fogos de artificio foron lanzados de detrás do pazo de Raxoi, e os espectadores viron un espectáculo que integrou toda a praza do Obradoiro - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

SANTIAGO. REDACCIÓN WEB  | 25.07.2015 
A- A+

Había moita expectación para ver estes Fogos do Apóstolo de 2015. O desafío que representaban as obras de restauración na Catedral e o anuncio de novidades significativas, xustificaban o interese. As xentes esperaban un espectáculo de carácter maior e querían entregarse nos brazos da sorpresa. Un reloxio dixital no frontispicio do Pazo de Raxoi atraía as miradas e desgranaba segundos cara ao espectáculo, marcha atrás. A medida que o momento se achegaba, o silencio ía gañando sitio na praza do Obradoiro. Faltando un minuto, o primeiro petardo pediu atención. Os sinais previos ao comezo insinuaban que sería o edificio neoclásico, o que alberga o Concello e que mira de fronte á basílica, o centro da aventura audiovisual e pirotécnica que se ía vivir. E así foi.

Empezou todo cun home sobre uns altos zancos que cruza o Obradoiro desde Raxoi á Catedral, en actitude de busca. É paio, o eremita, que intenta atopar a tumba de Santiago. As luces crúzanse configuando unha escea de confusión e frenesí. Unha luz pescuda na fachada da basílica con insistencia mentres a música se vai facendo máis presente. De súpeto aparece o sepulcro do Apóstolo e saboréase o primeiro gran momento. Despois, sen tregua, todos deben virar a vista contra o lado aposto, porque é no pazo de Raxoi onde se proxecta o Camiño de Santiago, nun percorrido colorista polos diferentes fitos da Ruta.

O patrimonio compostelán desfila ante os ollos dos espectadores; edificios, lugares e a propia Catedral fixaban as miradas dos milleiros de persoas que ateigaban a praza. Trátase de conmemorar o 30 aniversario da declaración da cidade como Patrimonio da Humanidade. Botábase de menos o lume, que de contado se mostra e deslumbra. O edificio do Concello empeza a arder de xeito virtual e xurde tamén a pirotecnia. Todo se mistura e todo se consume, cos ollos e cos oídos e coa mente absolutamente entregada á fervenza de sensacións. A nostalxia impacta nas retinas ao deslizárense sobre as pedras as virtualizacións das fachadas gótica e mudéxar que antano se queimaban na Catedral.

As diferentes partes do edificio móvense e mesmo bailan, nun efecto sobranceiro e asulagador, e cando todo cambia de sitio e se constrúe e se deconstrúe ante a estupefacción do público, óese o silencio e soa unha gaita buscada pou un foco explorador. A luz salta dun edificio a outro e van aparecendo gaiteiros en localizacións elevadas, de norte a sur e de leste a oeste, entre as balaustradas e entre as ilustracións animadas que abrazan e alumiñan as pedras das fachadas. A música das gaitas levan entón o fío argumental.

Finalmente, despois de case media hora, a pirotecnia que xurde da traseira de Raxoi regala estrondo e cor, abraia e enche os sentidos para completar un final apoteósico. Ata que a imaxe do apóstolo se debuxa sobre a basílica tras o momento explosivo e brillante e cheo. Efectivamente, a Catedral deixoulle este ano o protagonismo á praza do Obradoiro e ao pazo de Raxoi, foi a espectadora de luxo duns fogos distintos, con menos pólvora e máis musicalidade visual.

WARPING CON 11 PROXECTORES DE VÍDEO

ANTONIO HERNÁNDEZ
Pazo de Raxoi adornado con escenas audiovisuais e con pirotecnia
FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

Foi un espectáculo multimedia no que se empregaron técnicas audiovisuais punteiras coma o warping (proxección de imaxes sobre edificios aproveitando os seus relevos), efectos especiais, pirotecnia e música. Este ano, o elemento humano cobrou maior importancia e formaron parte da posta en escena un pernilongo que percorreu a praza ao inicio do espectáculo e unha banda de gaiteiros que interpretou en directo parte da banda sonora.

O espectáculo, desenvolvido por Estrategia y Desarrollo de Negocio, de Acciona Producciones y Diseño, foi posible grazas á utilización de 11 proxectores de vídeo de 22.000 lumens cada un, 36 proxectores móbiles de luz, 6 torres de son envolvente cunha potencial total de 100.000 W e case 5.000 artefactos pirotécnicos.

Linda Martini e Kumpania Algazarra

A achega musical da xornada veu da man de dúas bandas portuguesas: Linda Martini e Kumpania Algazarra. Como non podía ser doutro xeito, e máis nesta noite grande das festas, a praza da Quintana rexistrou outro cheo. Os que preferiron outro tipo de ritmos tiveron a oportunidade de bailar coa orquestra Miramar na Alameda. A esas horas entre as dez da noite e as tantas da madugada, o centro compostelán viuse ateigado de moitos milleiros de persoas que encheron as prazas, as rúas e tamén a alameda de Santiago, onde estaban ubicadas as atraccións.

Programa das Festas do Apóstolo