El Correo Gallego

Noticia 45 de 179 noticia anterior de Capitalidade Santiago Santiago » Capitalidade Santiago

Chega a Santiago a VII edición do Festival Peregrinos Musicais

A gala concerto de inauguración será este mércores 12 de xullo ás 20:30 horas // Os cinco concertos programados no certame desenvolveranse no Teatro Principal, a Catedral de Santiago e o Auditorio de Galicia

Pola esquerda, Ilona Timchenko, Anxo Lorenzo e Xaquín López na rolda de prensa - FOTO: Auditorio de Galicia
Pola esquerda, Ilona Timchenko, Anxo Lorenzo e Xaquín López na rolda de prensa - FOTO: Auditorio de Galicia

SANTIAGO. AUDITORIO DE GALICIA  | 11.07.2017 
A- A+

O Teatro Principal é o escenario escollido para a Gala concerto inaugural do VII Festival Peregrinos Musicais, que este ano adianta o seu calendario habitual ao mes de xullo para coincidir coa semana festiva da cidade. A cita é este mércores día 12 ás 20:30, e o prezo da entrada é de 6 €. 

A pianista e directora do festival, Ilona Timchenko, o director do Auditorio de Galicia, Xaquín López e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaron este martes o programa completo do certame no Concello de Santiago. Na presente edición, este festival dedicado á promoción de novos talentos musicais galegos e internacionais, conta con 12 intérpretes noveis, a meirande parte deles procedentes de Galicia. A nómina completa de participantes no programa é a seguinte:

Andrea González Pérez – 18 anos, de Vigo (saxofonista)
Carla Gómez Iglesias – 11 anos, de A Coruña (clarinetista)
Daniil Serduyokov – 16 anos, de Rusia (clarinetista)
Irene Cebada Fernández – 18 anos, de Tui (violinista)
Iria Fernández Silva– 16 anos, de Lugo (violista)
Johann Derecho– 18 anos, de Filipinas (pianista)
Marina Hermida Rodríguez – 17 anos, Pontevedra (violinista)
Alexey Levin, 20 anos , de Bielorrusia (fagotista)
Paula Diz Parrondo– 13 anos, de Vigo (violinista)
Petre Abraham Smeu – 15 anos, de Sigüeiro (violinista)
Sophia Voronina – 11 anos, de Rusia (pianista)

Canda eles, toman parte no VII Festival Peregrinos Musicais outros artistas consolidados como Sergey Arutyunyan (violín), Iago Domínguez (violonchelo), Estefanía Cereijo (piano) ou a propia Ilena Timchenko. Todos eles interveñen nos concertos ‘Mestres e Laureados’ que terán lugar no Teatro Principal os días 13 e 15 de xullo ás 20.30. A entrada é a 9 €.

Tal e como aconteceu en pasadas edicións, o certame mantén na súa programación a celebración dun concerto na Catedral de Santiago, que terá lugar o venres 14 de xullo ás 20:00 horas. A entrada é de balde ate completar o aforo.

Finalmente, será o Auditorio de Galicia o escenario para o concerto de clausura do certame, que reunirá aos músicos integrantes do programa coa Real Filharmonía de Galicia baixo as ordes do director Maximino Zumalave. Este concerto de peche terá lugar o luns 17 de xullo ás 20:30.
O prezo da entrada é de 7 €.

Para máis información:
http://www.peregrinosmusicales.com/
http://www.compostelacapitalcultural.org/