El Correo Gallego

Noticia 58 de 179 noticia anterior de Capitalidade Santiago Santiago » Capitalidade Santiago

A Cidade da Cultura acollerá a terceira 'Galicia Maker Faire' en novembro

Trátase da maior feira de inventores do mundo, un escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para tódolos públicos e disciplinas

Sinatura do convenio - FOTO: cds
Sinatura do convenio - FOTO: cds

CDS  | 31.05.2017 
A- A+

O convenio asinado entre a Fundación Cidade da Cultura e a Concellaría de Desenvolvemento Económico renova o compromiso entre o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia na promoción da Cidade da Cultura como un espazo de creación empresarial no ámbito das industrias creativas. No acto se sinatura e na posterior rolda de prensa para presentar a Galicia Maker Faire participaron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e os organizadores do evento, Enrique Saavedra e Matilde Rodríguez.

A Maker Faire é a maior feira de inventores do mundo, un escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para tódolos públicos e disciplinas: gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica, artesanía, etc. Un lugar para compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais.

Este ano, o evento celebra a súa terceira edición consolidándose como o máis importante da Península, tanto en número de makers como de asistentes, e situándose entre os cinco con máis visitantes de Europa, despois de grandes cidades como Roma e París.

Durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers expuxeron os seus proxectos, converténdose en punto de encontro dos mellores creadores da comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa.

Para esta edición de 2017, ademais do cambio de localización, o evento suma un día máis de programación, o venres 24 de novembro, que estará enfocado ao sector profesional, favorecendo que os expositores poidan dirixir dun modo máis óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do diferente público obxectivo. A fin de semana do 25 e 26 manterase para o público xeral.

Como obxectivo deste ano, a feira busca dar o salto internacional, para o que contará con poñentes e expositores de referencia a nivel mundial, tendo participantes chegados dos Estados Unidos ou do Reino Unido, entre outros países. Daranlle unha visibilidade maior ao evento, repercutindo en novas oportunidades de negocio para as empresas e makers participantes.

Coa divulgación dos proxectos a través do Movemento Maker, a Galicia Maker Faire busca que medre a inquietude por innovar, xerando un punto de contacto para a transmisión de coñecemento entre as distintas xeracións. A chamada aos makers interesados farase nas próximas semanas e poderán inscribir os seus proxectos para entrar no proceso de selección de participantes.

A inscrición farase a través da páxina web galicia.makerfaire.com.