El Correo Gallego

Noticia 10 de 178 noticia anterior de Capitalidade Santiago Santiago » Capitalidade Santiago

Compostela espreme o seu día grande

A Romaría dos Libros de Verán puxo o ton cultural a unha festa marcada polas reivindicacións políticas // Picheleiros, veciños da comarca e turistas puxeron a Alameda ata a bandeira

A Romaría dos Libros de Verán levou unha ducia de entidades ata a praza de Mazarelos - FOTO: G.L.O.
A Romaría dos Libros de Verán levou unha ducia de entidades ata a praza de Mazarelos - FOTO: G.L.O.

LARA EIRÉ. SANTIAGO  | 26.07.2017 
A- A+

A Compostela máis festeira saiu este 25 de xullo á rúa para celebrar o seu día grande. Os moitos que non tiveron que padecer a resaca dos fogos, bótaronse ao casco vello pouco antes do mediodía para contemplar un dos acontecementos máis xenuinos da cidade: o desfile dos cabezudos. As mareas de turistas que facían cola para acceder á Catedral e os centos de manifestantes que ían cara á praza da Quintana coincidindo co Día da Patria complicaron os movementos na contorna da basílica. Aínda que ao lonxe se percibía a música, non foi sinxelo ver de preto as súas coreografías.

Como modificaron o percorrido que realizan tradicionalmente –Praterías, O Vilar e O Toural- algún que outro seareiro perdeuse a actuación en directo e tivo que conformarse con visualizar os vídeos posteriores nas redes sociais. Unha mágoa que só saian un par de veces en cada festa local (Ascensión e Apóstolo).

A pesares do complexa que resultaba a circulación entre as estreitas rúas da améndoa histórica, tocaba facer un esforzo e achegarse ata outro dos puntos quentes da axenda neste 25 de xullo: a praza de Mazarelos. Promovida por Compostela Literaria, a Romaría dos Libros de Verán é unha das incorporacións máis recentes ao programa festivo e chega con ganas de consolidarse. Botábase de menos unha iniciativa cultural que, concentracións políticas e ofrendas á marxe, servira para reivindicar a lingua.

G.L.O.
Foron moitos os que aproveitaron a cita de Mazarelos para facerse coas últimas novidades editoriais
FOTO: G.L.O.

Cunha ducia de entidades participantes (Lila de Lilith, Ciranda ou Chan da Pólvora, entre outras), foi un refuxio para os moitos que, ademais de festa, tiñan ansias de coñecer as últimas novidades editoriais tanto en galego como en castelán. Ben pensado estaba tamén o recuncho habilitado para que a cativada expresara o seu talento a través do debuxo.

Ademais dun escaparate ao aire libre para libreiros, na cita non faltou oferta lúdica: un trivial literario –o premio era un lote de libros- e un par de obradoiros para xente miúda a cargo de Antía Marante e Eva Grande. A romaría tamén foi o escenario da presentación de Manual básico de hostalería (Edicións Positivas), de Patricia Janeiro, e de 22 segundos, de Eva Mejuto.

G.L.O.
Ambiente na carballeira de Santa Susana nas festas do Apóstolo
FOTO: G.L.O.

A CARBALLEIRA DE SANTA SUSANA, A TOPE

Nas últimas horas da tarde a carballeira de Santa Susana comezou a ateigarse de xente. Aínda a pesares de que a xornada amenceu soleada, as temperaturas suaves non convidaban a gozar dunha tarde de praia. Foron moitos os veciños da comarca e turistas que pasan as súas vacacións nos municipios do litoral os que decidiron achegarse ás festas do Apóstolo. En determinados momentos do día algúns aparcadoiros coma o de Belvís chegaron a colgar o cartel de completo. O percorrido entre a entrada do Paseo dos Leóns e a capela que coroa a Alameda era case intransitable pouco antes do solpor. Aí é onde as familias con nenos acoden en masa para contemplar a cidade desde a noria, dar unhas voltas no carrusel ou medir a vertixe en atraccións de infarto. A xente miúda comezou a retirarse mentres no palco instalado un pouco máis lonxe empezaban a soar os primeiros acordes da orquestra Aché.