El Correo Gallego

Noticia 53 de 179 noticia anterior de Capitalidade Santiago Santiago » Capitalidade Santiago

Turismo de Santiago crea visitas guiadas por monicreques para descubrir a Compostela de Valle-Inclán

As visitas percorrerán diferentes lugares na cidade mentres se representa a obra "A Cabeza do Dragón" con monicreques e bonecos de diversas técnicas: luva, monicreque de varas, marioneta de fíos, xigantes // Trátase dunha actividade aberta, polo que non é preciso facer reserva previa, pero é preciso presentarse dez minutos antes no punto de saída

O monicreque de Valle-Inclán - FOTO: CDS
O monicreque de Valle-Inclán - FOTO: CDS

CDS  | 29.06.2017 
A- A+

Monicreques e diversos tipos de bonecos exercerán de guías turísticos nunha actividade dirixida a todos os públicos e moi especialmente ás familias. As visitas partirán da Alameda e percorrerán a Praza do Toural, Rúa Nova, Igrexa de Salomé, Teatro Principal, Praza de Mazarelos e Praza de Praterías.

A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron no Pazo de Raxoi "Monicreques en Ruta: con Valle-Inclán por Santiago", novas visitas teatralizadas que a entidade municipal de promoción turística organiza este verán. Na rolda de prensa tamén participaron o director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, Antonio González, que colabora coa actividade na definición dos contidos das visitas, e un monicreque de Valle-Inclán, que fará de guía turístico pola cidade.

Turismo de Santiago organiza por primeira vez "Monicreques en Ruta: con Valle-Inclán por Santiago" co Turismo de Santiago crea visitas guiadas por monicreques para descubrir a Compostela de Valle-Inclán, interesado en descubrir Santiago dende a perspectiva de Vallé-Inclán, dun xeito didáctico e ameno.

Ramón María del Valle-Inclán pasou diferentes períodos da súa vida en Santiago. Na súa mocidade estudou na Universidade de Santiago e aquí publicou os seus primeiros traballos literarios, na revista Café con gotas. En Santiago tamén pasou os derradeiros meses da súa vida ata que faleceu o cinco de xaneiro de 1936. Os seus restos están no cemiteiro de Boisaca.

Na súa obra atópanse máis de cincuenta referencias a Santiago e lugares concretos da cidade, como a Catedral, a Alameda, as rúas do Casco Histórico, a Praza da Quintana, a Colexiata de Sar, o Convento de San Paio de Antealtares, a Feira de Santa Susana… e mesmo o Café Derby, onde tivo a súa tertulia nos últimos meses da súa vida, que pasou ingresado no Sanatorio do Doutor Manuel Villar Iglesias.

O guión das visitas parte da obra infantil de Vallé-Inclán, pero tamén de acontecementos da súa vida e de citas literarias que o unen a Compostela. As visitas percorrerán diferentes lugares na cidade mentres se representa a obra "A Cabeza do Dragón" con monicreques e bonecos de diversas técnicas: luva, monicreque de varas, marioneta de fíos, xigantes...

As visitas, de balde, comezan ás 18.30 na estatua de Valle-Inclán, no Paseo da Ferradura. Trátase dunha actividade aberta, polo que non é preciso facer reserva previa, pero é preciso presentarse dez minutos antes no punto de saída. O itinerario é: Alameda, Praza do Toural, Rúa Nova, Igrexa de Salomé, Teatro Principal, Praza de Mazarelos e Praza de Praterías. Ten unha duración aproximada de unha hora e media. No mes de xullo, completando a programación das Festas do Apóstolo, haberá visitas do 1 ao 7 e do 26 ao 31. No mes de agosto serán o 1 e 2, e do 27 ao 31.

Estas visitas teatralizadas, que contan co financiamento da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e coa colaboración de Abanca, continúan co traballo de posta en valor da figura de Valle-Inclán e a súa pegada en Santiago como un atractivo turístico da cidade. Así, con motivo da celebración do 150 aniversario do nacemento de Valle-Inclán, Turismo de Santiago, o Museo de Valle-Inclán e o Ateneo colaboraron na creación da "Ruta Valle-Inclán por Santiago de Compostela, Rosa Mística de pedra", ruta cultural e turística que permite coñecer a cidade a través da vida e da obra de Valle-Inclán.