El Correo Gallego

Noticia 82 de 179 noticia anterior de Capitalidade Santiago Santiago » Capitalidade Santiago

música e luces no ceo na fin de festa

Unha Filharmonía grandiosa e uns brillantes fogos engaiolan aos composteláns e pechan as Festas do Apóstolo

Á esquerda, un momento dos fogos no Campus Sur, e á dereita a Filharmonía ovacionada na Quintana - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ - ECG
Ver galerías (2)
Á esquerda, un momento dos fogos no Campus Sur, e á dereita a Filharmonía ovacionada na Quintana - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ - ECG

SANTIAGO. REDACCIÓN WEB  | 01.08.2015 
A- A+

A praza da Quintana estivo chea a rebentar este venres pola noite, como nas máis grandes ocasións, para recibir á Real Filharmonía. Nesta fin de festa do Apóstolo en Compostela, na que tamén os fogos enfeitizaron os sentidos, os músicos non só se entregaban á misión de ofrecer boa música, tamén tiñan o obxectivo de misturarse coa xente, de amosar o seu traballo e de facérense visibles como elemento importante da cidade. Con todos e para todos. Desde logo que o conseguiron. Dirixida polo encantador Diego García, a orquestra fíxose enorme e completou unha gloriosa e apreciada actuación que os milleiros de persoas que ateigaban a praza agradeceron con sonoros aplausos.

O concertro durou unha hora e vinte minutos. Nese espazo musical soaron pezas de  Vaughan Williams: Obertura de 'Las avispas';  Nicolai: Obertura de 'Las alegres comadres de Windsor';  Chaikovski: fragmentos do Ballet 'El cascanueces', e de Offenbach: Obertura de 'La bella Helena'. Pero o mellor foi o final, os bises. Primeiro, o archicoñecido cancan de Offenbach, e logo a polka Tris-Tras, fixeron que o entusiasmo se desbordase e que público, orquestra e música foran todos un.

Por se non abondase, Diego García anunciou, no contexto de introducir máis e máis a Filharmonía nas entrañas do tecido social compostelán, que a orquestra visitará, a partir do vindeiro mes de setembro, os barrios de Vite, San Pedro, O Ensanche, Conxo e Fontiñas , nunha minixira de concertos que servirán para que os santiagueses se identifiquen máis coa súa orquestra.

FOGOS ESPECTACULARES NO CAMPUS SUR

Finalmente, a pirotecnia encheu Compostela, desbordante, saturando o ceo de cores explosivas e de formas caprichosas e de sons de festa rachada. A pirotecnia, abondosa e aplicada con xenerosidade, despois da polémica dos fogos do día grande, que soubo a pouco a dicir de moitos cidadáns que pedían máis pólvora e menos audiovisual, foi o colofón das festas do Apóstolo. A empresa Ricardo Caballer foi a encargada de representar o teatro de luces explosivas. Ademais dos milleiros de persoas que se deixaron caer polo Campus e a Alameda, moitas máis puideron ver e disfrutar os fogos desde outros puntos da cidade.