El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Os 350 novos licenciados en Medicina, preparados: "O máis difícil é ser médico todos os días da túa vida"

O Pazo de Congresos de Santiago acubillou un acto emocionante con máis de 1.500 persoas // O neurólogo Miguel Blanco apadriñou a promoción, na que preto do 80% son mulleres, e recordoulle os principios básicos de humanidade e empatía co enfermo

Parte dos novos médicos no Pazo de Congresos de Santiago no acto de licenciatura - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ
Ver galerías (4)
Parte dos novos médicos no Pazo de Congresos de Santiago no acto de licenciatura - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

SANTIAGO. X.C.  | 24.04.2014 
A- A+

O orgullo, a responsabilidade e tamén a humildade pasearon este mércores polos corredores e os salóns do compostelán Pazo de Congresos e foron da man dos 350 novos médicos da licenciatura 2008-2014 da Facultade de Medicina da USC, que celebraron o seu gran día rodeados das súas familias e dos seus profesores. O Pazo de Congresos estaba a reventar, con máis de 1.500 persoas que viviron un acto de licenciatura alegre, cargado de sentimentos e coa emoción a flor de pel. O momento de maior intensidade chegou cando os médicos prometeron, todos xuntos en alta voz e coa solemnidade instalada nos seus peitos, que  consagrarán as súas vidas ao servizo da humanidade. O xuramento hipocrático levantou a todo mundo dos seus asentos e acabou cun estrondoso aplauso.

O padriño da promoción, o neurólogo Miguel Blanco González, non puido evitar volver a vista atrás, á súa etapa de estudante, hai 17 anos, para meterse na pel dos, agora xa, facultativos e facultativas. Recoñeceu que, malia todo, os seis anos de estudo que require a carreira de Medicina pasan moi rápido, e que a maior motivación que empuxa ao médico é o afán de axuda, aínda que a veces mesmo haxa que realizar actos contradictorios, a veces "contra nós mesmos". Aludiu Miguel Blanco ao exercicio, desde a independencia e o respecto, dunha profesión sen fronteiras e influída polos cambios científicos e sociais, que hai que practicar con humanidade e empatía cara aos enfermos. O obxectivo, dixo o padriño, é "curar, ou cando menos aliviar, e sempre consolar".

A voz dos estudantes, novos médicos, estivo representada por Ignacio Vila e Víctor Cebey. Recordaron, non podía ser doutro xeito, as experiencias académicas e tamén lúdicas, que seis anos dan para todo. "Somos a promoción do vinte por cento de compañeiros portugueses" e, especialmente, "somos 350 persoas que loitaron cada día". Víctor e Ignacio enfiaron un discurso de responsabilidade e de futuro entre bromas e palabras solemnes.  E tamén de extrema humildade: "Se nos vemos diferentes é porque nos miramos moito", dixeron antes de recoñecer diante dos seus mentores que, como lles dixeron outros que estiveron antes ca eles, o máis difícil non é entrar na facultade, nin acabar os estudos; "o máis difícil é ser médico todos os días da túa vida".

O decano de Medicina, Juan Gestal, espallou felicitacións e cualificou a promoción como unha das mellores que pasaron pola facultade. Unha promoción que, como vén sendo habitual xa hai algúns anos, ten unha gran maioría de mulleres, preto dun 80 por cento. O decano recordou parte da longa historia da institución (365 anos cumpre a facultade) e insistiu no sentimento de orgullo, tamén, polo seu presente e polo seu futuro. Agora mesmo sexta en produción científica, cunha captación de ingresos externos de 14 millóns o pasado ano e cunha actividade investigadora notable. No aspecto docente, mencionou os bos resultados dos alumnos de Santiago nas probas MIR dos últimos catro anos, e desgranou unha serie de actuacións docentes que se están levando a cabo na actualidade. Finalmente, un recordo emocionado para os profesores Navarrina, Sierra Marcuño e Gallego Asorey, falecidos recentemente.

Tres vídeos animaron a macroreunión. O máis coreado, o dos alumnos pasando nunha imaxe continua polos diferentes departamentos. Música e moito humor. Desenfado e final todos xuntos na praza do Obradoiro.

O punto e final púxoo o reitor, Casares Long, que se mostrou feliz porque os días como o desta celebración demostran que a Universidade cumpre unha das súas misións: "formar profesionais competentes e persoas libres". Non deixou pasar a ocasión para recordar o mal momento que se vive, tamén a USC, polas penurias económicas, e asegurou que "facemos esforzos para conseguir que as dificultades afecten o menos posible". Despois, Gaudeamus Igitur...