El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Avanza el proceso para la construcción de la variante de Aradas en Compostela

Con esta actuación permitirase o acceso dende a estrada de Carballo ao Polígono do Tambre, desviando un grande volume de tráfico que circula polo barrio de Vite

30.09.2011 
A- A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha resolución pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e impacto ambiental da variante de Aradas, en Santiago de Compostela. Deste xeito, as persoas interesadas poderán coñecer o expediente aprobado inicialmente e realizar as alegacións que estimen oportunas. O período de información pública será de 30 días hábiles, polo que as consultas poden realizarse durante todo o mes de outubro.


O expediente desta obra estará exposto ao público na Dirección Xeral de Infraestruturas, no Servizo de Infraestruturas da Coruña e no concello de Santiago de Compostela. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente atópase un documento resumo no proxecto de trazado: www.cmati.xunta.es/portal/cidadan/lang/gl/pid/2915


A Xunta de Galicia recolle na súa planificación un investimento de preto de 6 millóns de euros para a futura execución deste vial, que comunicará directamente o Polígono do Tambre coas estradas Santiago- Santa Comba (CP-0701) e Santiago- Trazo (CP-7804).


Con esta actuación permitirase o acceso dende a estrada de Carballo ao Polígono do Tambre, desviando un importante volume de tráfico que actualmente circula polo barrio de Vite. Ademais, esta actuación servirá como variante noroeste do núcleo urbano de Santiago.


A súa función primordial será a comunicación co principal acceso oeste da cidade de Santiago. A actuación encádrase dentro do programa de actuacións en medios urbanos do Plan Move da Xunta de Galicia e tamén dentro do denominado “Plan Sectorial da rede viaria de Santiago, Ames e Teo”, aprobado polo Consello da Xunta o 04/08/2003.


O vial iniciarase nas estradas Santiago- Santa Comba e Santiago- Trazo, cunha intersección no núcleo de Vilares, outra coa estrada de Sar de Abaixo e Marzo e finalmente rematará no Polígono do Tambre. A conexión Santiago- Santa Comba é a única que non se incorporou ao circuíto circunvalatorio da cidade, o que implica canalizar polo viario urbano todo tipo de tráfico, incluso o pesado e de longo percorrido. Con este vial conséguese a mellora dos accesos na zona norte de Compostela.


En canto ás características técnicas, a lonxitude da infraestrutura viaria será de aproximadamente 1,6 qm, tratándose dunha estrada convencional de nova creación. Non existe na actualidade ningunha calzada previa que realice esta conexión. Cabe citar que será precisa a construción dun viaduto á altura do río Sarela. A actuación contempla un carril para vehículos lentos na marxe dereita na meirande parte do trazado.


Polo tanto, este vial axudará a canalizar os tráficos que rexistran as estradas que comunican directamente co Polígono, posto que as estradas Santiago- Santa Comba e Santiago- Trazo presentan unha intensidade media diaria (IMD) de preto de 6.000 vehículos, sumadas as intensidades de cada unha das vías.


Obxectivos

A citada actuación incide na calidade de vida de máis de 92.000 habitantes de Santiago, mellorando ademais a seguridade viaria. O proxecto enmárcase no programa de actuacións en medios urbanos do Plan Move da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é abordar as distintas obras necesarias para resolver os problemas existentes no acceso ás grandes cidades.


No ámbito de Santiago de Compostela, os traballos propostos van dirixidos, por unha parte a mellorar os accesos radiais (Autovía Santiago- N-541 e Santiago- Noia), completar a circunvalación da cidade, e por outra, á mellora da funcionalidade distribuidora do viario interior.


Esta actuación completará ás actuacións de acondicionamento da estrada Santiago- Santa Comba que tamén está a definir a Xunta mediante a redacción dos proxectos de acondicionamento da estrada CP-0701. Treito: Santiago de Compostela- Portomouro e acondicionamento da estrada CP-0701, treito: Portomouro- Santa Comba; coa redacción destes proxectos mellorarase notablemente a comunicación entre Santiago e Santa Comba, incrementando a seguridade viaria e reducindo os tempos de percorrido.